sábado, 12 de decembro de 2009

Reseña

O Orfeón Lucense estreará o día 18 unha panxoliña inédita de Xoán Montes
 Os artistas invitados son: Nemesio Gutiérrez, Raúl Galego, A Quenlla, Mini e Mero, Noemi Mazoy e Pilocha

C. López   
12/12/2009

A nova etapa do Orfeón Lucense, con Xesús Mato como director, botará a andar, no que ás actuacións se refire, o vindeiro día 18 cun concerto especial de Nadal, no que esta formación estará acompañada no escenario por unha serie de artistas invitados, como Mini e Mero, as compoñentes femininas de A Quenlla, Noemi Mazoy, Pilocha, o gaiteiro Raúl Galego e o organista Nemesio Gutiérrez, que ademais ocupou durante varios anos a presidencia do Orfeón Lucense.
Este concerto, de entrada libre, constará de dúas partes: unha primeira composta de pezas clásicas universais de diferentes países europeos e de temas populares españois, e unha segunda formada por panxoliñas populares galegas. Entre unha parte e outra terá lugar unha estrea de luxo: a dunha panxoliña inédita de Xoán Montes, que leva por título En Belén hai moita festa.
A presentación deste concerto tivo lugar onte na galería Sargadelos de Lugo e correu a cargo de Xulio Xiz e Xesús Mato, presidente e director, respectivamente, do Orfeón Lucense, de Ramón García Otero, director de actividades desta formación, e de José Antonio Vázquez, alcalde de Begonte. Este será precisamente un dos concellos no que se celebre este concerto especial de Nadal, que tamén terá lugar en Vilalba. Estes concertos non se limitarán a ser unha mera interpretación de pezas, senón que haberá unha explicación previa de cada unha, para que o público saiba de que van.

Noemi Mazoy actuando ante algúns membros do Orfeón Lucense