Amosando publicacións coa etiqueta David Ocón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta David Ocón. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de xullo de 2026

VIII Noite Coral Lucense

   O pasado sábado, día 4 de xullo, celebramos a VIII Noite Coral Lucense, un circuito itinerante de concertos de música sacra que se leva a cabo en templos emblemáticos do centro histórico da cidade e que o Departamento de Música Litúrxica da Diócese de Lugo vén organizando con gran acerto e éxito.

   Esta edición comezou ás 20:30 coa actuación do Orfeón Lucense na igrexa de S. Pedro, á que seguiron o Gruppo Vocale San Bernardo na igrexa de S. Froilán, Carminis Habitus na igrexa da Nova e Solo Voces na igrexa dos Franciscanos; seguindo o programa que se adxunta na imaxe.

   O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano positivo por Andrés Gutiérrez Fernández e o repertorio interpretado foi o seguinte:

  • Anónimo do s. XVIII. Nitida stella.

  • Tomás Luís de Victoria (1548 - 1611). Ave María.
  • Jouzas Naujalis (1869 - 1964). In Monte Oliveti.
  • Esteban Tozzi (1962). Pater noster.
  • Karl Kempter (1819 - 1871). Gloria. Pastoralmesse.

      Actuaron como solistas en Nitida stella, Pater noster e Gloria:

      Sara Nebra, soprano

      Beatriz Enríquez Parga, alto

      Lupe Enríquez Parga, alto

      Abraham Sánchez Pujante, tenor

      Marcos Fernández Mosquera, baixo

      David Ocón Ruiz, baixo

   Dada a duración total do acto, limitouse o tempo de actuación de cada agrupación para permitir que os seareiros puideran asistir a todas elas sen sobrepasar os límites da súa atención. Así, cada 30 minutos comezou un recital, dando tempo para os desprazamentos dun lugar ao outro. 

    Como en cada edición, o final foi na Catedral, reunindo a todos os cantores para interpretar a Historia di Jephte de Giacomo Carissimi, unha obra pertencente ao barroco que recolle un relato do Libro dos Xuices no cal se pón de manifesto a integridade, a valentía dos protagonistas e tamén a imprudencia de facer votos de maneira impulsiva sen calibrar as consecuencias.

   Esta última obra estivo dirixida por Giulio Mercati e acompañada polo
Concentus instrumentalis Lucensis
, cuxos compoñentes, así como os solistas e directores de todas as agrupacións especifícanse no programa que se adxunta na imaxe.

    A oitava edición da Noite Coral foi ocasión dunha dobre estrea para o Orfeón: Por  primeira vez fixemos a gravación íntegra dun concerto noso con cámara propia e os aditamentos correspondentes e tamén por primeira vez anunciamos ao público quen somos mediante un rollup no que figura a imaxe da coral diante da Catedral de Santa María, da que somos o coro titular. A este soporte publicitario adherimos un código QR co enlace ao programa de cada actuación.

    Finalizada a actuación e unha vez que o público ía xa camiño da igrexa de San Froilán para o seguinte concerto, fóronlle entregados polo Presidente da agrupación, Xulio Xiz Ramil, sendos agasallos aos directores que conduciron o Orfeón nos últimos anos: Marcos Fernández Mosquera, (2012 - 2025), Sara Nebra no presente curso, Abraham Sánchez Pujante e Lupe Enríquez Parga, que formaron parte do equipo de dirección no período que agora finaliza. Neste momento a actual directora, Sara Nebra, aproveitou para comunicar a todos os membros a súa decisión de non continuar no cargo por motivos persoais de incompatibilidade co seu traballo actual de profesora de Canto nunha escola de música de A Coruña.

   Nas imaxes, en sentido descendente, o programa da velada musical, un momento da actuación da nosa agrupación coral, o banner  publicitario do Orfeón Lucense, dous momentos da entrega de agasallos e unha instantánea do concerto final na Catedral.









   

      

mércores, 24 de decembro de 2025

Concerto na Biblioteca Nodal 2025

    O luns, 22 de decembro, acudimos á Biblioteca Nodal de Lugo para dar un concerto por invitación da súa directora, María Isabel Pérez Fórneas, cita que xa vén sendo habitual para o Orfeón.

   O recital tivo lugar no salón de actos da institución coa asistencia de autoridades da vida pública lucense e un auditorio formado cada vez por un maior número de ouvintes, en palabras da propia directora, ante os que a nosa agrupación, dirixida  por Sara Nebra, interpretou o seguinte repertorio:

  • En una choza. M. Praetorius. (*)
  • Nosa Señora. Tradicional de Galicia.
  • The First Noel. Trad. inglés. Arr. John Stainer. (*)
  • No pendello. Tradicional de Galicia.
  • Blue Christmas. Billy Hayes / Jay Johnson. Arr. J. L. Blasco. (*)
  • Noche de Dios. F. X. Gruber. Arr. José Castiñeira. (*)
  • Gaudete. Piae Cantiones. (*)
  • Noite boa. José Castiñeira.
  • O Magnum Mysterium. Evan Ramos.
  • Linda Noite. Popular de Portugal.
  • Transeamus usque Bethlehem. Hubert Cuypers.
  • Con un sombreiro de palla. Tradicional de Galicia. (*)
  • African Noel. Trad. africano. Arr. Victor Johnson. (*)
  • En el portalín de piedra. Víctor Manuel San José. (*)

     Solista
                   Marcos M. Fernández Mosquera

     Instrumentistas (*):
                   Frauta travesa: Abraham Sánchez Pujante
                   Frauta de pico: David Ocón Ruiz
                   Adufe: Sara Nebra
                   Clarinete, adufe, darbuka e cunchas: Guadalupe Enríquez Parga.

    A petición do público a nosa directora decidiu obsequialo coa interpretación dun bis, para o cal elixiu a panxoliña tradicional galega Con un sombreiro de palla.

  Ao finalizar o concerto fomos felicitados pola directora da Biblioteca que manifestou o seu contento pola nosa presenza, xesto que agradecemos, e emprazounos a volver  o próximo ano.

   Trala despedida, os compoñentes da nosa agrupación desprazámonos ata o noso local para celebrar o Nadal e felicitarnos nestas datas.

   Nas imaxes dous momentos da actuación na Biblioteca Nodal.


 

  




    


martes, 23 de decembro de 2025

Concerto de Nadal, misa e beizón do belén da Catedral 2025

    O Orfeón sempre prepara con moita ilusión e especial agarimo o concerto de Nadal, tanto polo seu contido, especialmente próximo ao público, como por compracer aos nosos seareiros que cada ano acoden nestas datas para escoitar este recital. 

    Este ano a actuación tivo lugar o domingo, 21 de decembro, na capela do Bo Xesús da Catedral de Santa María dirixida pola súa titular, Sara Nebra, interpretando un conxunto de panxoliñas populares e cultas que conformaron o seguinte repertorio:

  • Nosa Señora. Tradicional de Galicia.
  • No pendello. Tradicional de Galicia.      
  • Puer natus in Bethlehem. Anónimo S. XV. Harm. J. S. Bach.
        Solistas:
                     Abraham Sánchez Pujante
                     Beatriz Enríquez Parga
                     David Ocón Ruiz
                     Guadalupe Enríquez Parga
                     Marcos M. Fernández Mosquera
                     Sara Nebra
                     Silvia Nadela Villarino
  • Noite boa. José Castiñeira
  • Transeamus usque Bethlehem. Hubert Cuypers.
  • Con un sombreiro de palla. Tradicional de Galicia. (*)
        Solista
                   Marcos M. Fernández Mosquera

        Instrumentistas (*):
                   Frauta travesa: Abraham Sánchez Pujante
                   Frauta de pico: David Ocón Ruiz
                   Adufe: Sara Nebra
                   Clarinete, adufe, darbuka e cunchas: Guadalupe Enríquez Parga.

    Fixo a nosa presentación D. Luís Varela Castiñeira, coengo da catedral e sobriño do noso refundador D. José Castiñeira Pardo, tras a cal deu comezo o concerto coa asistencia de distintas autoridades eclesiásticas e de numeroso público, aos que agradecemos sempre a súa fidelidade.


    Este ano preferiuse adiantar a actuación a unha hora máis temperá;  por unha parte, para dar tempo ao culto da sé e non rematar demasiado tarde dado o rigor do clima nestes días, e por outra parte, para que o coro puidera intervir na misa posterior ao recital e na beizón do belén que a catedral adoita instalar nestas datas.

    Rematado o concerto acompañamos cos nosos cantos unha misa presidida polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, coa dirección coral de Sara Nebra e o acompañamento ao órgano de Nemesio Gutiérrez na que interpretamos o seguinte repertorio:

  • Ven, Señor ás nosas almas. Luís de Olano.
  • Kyrie en Ré Majeur. Jean Paul Lécot.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Ave Verum. Jean Paul Lécot.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe Peuples de la Terre. Gioachino Rossini. Adapt.: Jean Paul Lécot.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
  • La Virgen sueña caminos. Carmelo Erdozáin.

    Finalizada a misa, o prelado, acompañado de varios cargos eclesiásticos, procedeu á beizón do nacemento instalado este ano na nave dereita da catedral, tras o cal o Orfeón interpretou tres panxoliñas:

  • Niño Dios d´amor herido. Francisco Guerrero.
  • En el portalín de piedra. Víctor Manuel San José.
  • Transeamus usque Bethlehem. Hubert Cuypers.

    Finalizou esta intensa xornada para o Orfeón coa gratitude e a felicitación  por parte do señor bispo polo traballo realizado pola nosa formación coral, xesto que sempre agradecemos,  e o desexo dun MOI FELIZ NADAL para todos os presentes.

    Nas imaxes dous momentos da actuación do Orfeón e unha vista do nacemento da Catedral.






    

    

    

    



    

    

    


sábado, 20 de decembro de 2025

Concerto en San Tirso de Abres

    Por iniciativa da nosa compañeira Remedios Martínez Rodil fomos convidados polo Concello de San Tirso de Abres a dar un recital de panxoliñas na igrexa desta localidade. Así que o día 19 de decembro  puxemos rumbo á comunidade veciña para cumprir co noso cometido.

    Acolleunos unha fermosa igrexa do século XVI situada na parte máis alta do pobo, con dúas amplas portas e dúas naves separadas por arcos de medio punto, moi ben conservada, cun retablo principal de estilo barroco, co teito recuberto de madeira e con moi boa sonoridade. O emprazamento invitaba a cantar con comodidade e boa disposición no espazo.

    Situados nas gradas do altar maior, demos comezo ao concerto con puntualidade ante un público ben agradecido que deu mostras de agrado tanto ao longo do recital como ao seu remate.

    O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, e interpretou o repertorio seguinte:

  • En una choza. M. Praetorius. (*)
  • Nosa Señora. Tradicional de Galicia.
  • The First Noel. Trad. inglés. Arr. John Stainer. (*)
  • No pendello. Tradicional de Galicia.
  • Blue Christmas. Billy Hayes / Jay Johnson. Arr. J. L. Blasco. (*)
  • Noche de Dios. F. X. Gruber. Arr. José Castiñeira. (*)
  • Gaudete. Piae Cantiones. (*)
  • Niño Dios d´amor herido. Francisco Guerrero.
        Solistas:
                     Abraham Sánchez Pujante
                     Beatriz Enríquez Parga
                     David Ocón Ruiz
                     Guadalupe Enríquez Parga
                     Marcos M. Fernández Mosquera
                     Sara Nebra
  • Noite boa. José Castiñeira.
  • O Magnum Mysterium. Evan Ramos.
  • Linda Noite. Popular de Portugal.
  • Transeamus usque Bethlehem. Hubert Cuypers.
  • Con un sombreiro de palla. Tradicional de Galicia. (*)
  • African Noel. Trad. africano. Arr. Victor Johnson. (*)
  • En el portalín de piedra. Víctor Manuel San José. (*)
        Solista
                   Marcos M. Fernández Mosquera

        Instrumentistas (*):
                   Frauta travesa: Abraham Sánchez Pujante
                   Frauta de pico: David Ocón Ruiz
                   Adufe: Sara Nebra
                   Clarinete, adufe, darbuka e cunchas: Guadalupe Enríquez Parga.

    A petición dos ouvintes, o coro interpretou un bis, para o que a directora e
lixiu a panxoliña popular galega No pendello.

 Finalizou a xornada cunha xuntanza galegoasturiana amenizada polo grupo de gaiteiros Brisas do Eo que fixo a ledicia de todos os presentes. Así rematou unha das xornadas máis divertidas e motivadoras ás que puido asistir o Orfeón nos últimos tempos. Agradecemos á nosa compañeira Reme e ao Concello de San Tirso de Abres a oportunidade que nos brindaron e esperamos poida repetirse noutro momento.

    Nas imaxes, unha vista exterior da igrexa de San Tirso, unha vista do interior e un momento da actuación do Orfeón Lucense.








domingo, 23 de marzo de 2025

Misa de ordenación e institución

     O pasado domingo, 16 de marzo, o Orfeón tivo a honra de acompañar cos seus cantos unha misa na parroquia de San Francisco Javier na que se instituiu como lector e acólito ao noso compañeiro Luis David Ocón Ruiz, xunto con Abraham Emmanuel Ávila Pérez e a Diego Durán Cano, este último ordenado diácono. Deles, os dous primeiros pertencen ao Seminario  Diocesano e Misioneiro Alma Redemptoris Mater e o terceiro ao Seminario Diocesano de Lugo.

    A cerimonia foi oficiada polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, e concelebrada por numerosos sacerdotes auxiliados por membros pertencentes a distintos estamentos eclesiásticos que arrouparon aos neófitos a ditas ordes.

    O repertorio interpretado pola nosa agrupación coral, dirixida por Marcos Fernández Mosquera, foi o seguinte:

  • Bendice, Alma mía, al Señor. F. Mendelsshon. Adap. Abraham Sánchez.
  • Kyrie en Re M. J.P.Lécot.
  • El Señor es mi luz. Salmo.
  • Interleccional. J. Castiñeira.
  • Jesu, Rex admirabilis. G.P.da Palestrina.
  • Sanctus de Lourdes. J.P.Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe Peuples de la Terre. J.P.Lécot.
  • Ave verum. J.P.Lécot.
  • Ave Maria. T. L. de Vitoria.
  • Canticorum iubilo. G.F.Haendel.

    De todos os momentos desta celebración, chamounos a atención o da ´postración´, no que os candidados a adquirir o novo estamento encamiñado ao sacerdocio se tumban no chan en posición de tendido prono. Preguntamos polo significado de tal rito e a resposta foi que era en ´sinal de humildade e absoluta entrega a Deus´.
    Rematada a celebración fomos convidados  a un pequeno ágape, momento que aproveitamos para felicitar aos recén ordeados e instituídos.

    Nos imaxes, dúas instantáneas da cerimonia.






    

xoves, 26 de decembro de 2024

Concerto de Nadal 2024

    Todos os anos por estas datas o Orfeón prepara con moito agarimo un concerto de panxoliñas de diversos lugares de procedencia e en varias linguas para agasallar aos seus seareiros.

    Este ano a selección foi especialmente atractiva e ben coñecida do público en gran parte:

    - Tollite hostias. C. Saint-Saëns.

    - Drop, drop, slow tears. O. Gibbons.

    - Ecce novum gaudium. 17th century Scottish song books.

    - Es ist ein´Ross´entsprungen. M. Praetorius.

    - Adeste fideles. J. Reading.

    - Eu hei-de m´ir ao presépio. M. de Sampaio Ribeiro.

    - Natal de Elvas. M. de Sampaio Ribeiro.

    - Na noite máis fermosa. J. E, _Spitman. Adap. V. R. Abeijón.

    - Noiteboa. J. Castiñeira.

    - Señor, oye mi voz. A. Cuevas Castillo.

    - Ya viene la vieja. Trad. España. Harm.: A. Parker / R. Shaw.

    - Dime, Niño, de quién eres. Popular.

    - What child is this. Trad. inglesa. W. Chatterton Dix.  Adap.: M. Frisina.
        
            Solista:      David Ocón Ruiz
        
            Sopranos:  Silvia Nadela Villarino
                             Sara Pérez Cruz
                        
            Contraltos: Beatriz Enríquez Parga
                             Lupe Enríquez Parga

            Tenores:     Carlos Rodríguez Otero
                             Abraham Sánchez Pujante
        
             Bajos:        Marcos Fernández Mosquera
                              Carlos Sánchez Carrera

    - O Magnum Mysterium. E. Ramos.

    - Heliseb Väljadell. U. Sisask.

             Solista:      Sara Pérez Cruz

    - African Noël. Trad. africano. Arr. V. C. Johnson.


                        .............................


           Piano:          Nacho Samena

           Contrabaixo: Miguel Ángel Marín Calderón
    
           Frauta:         Abraham Sánchez Pujante

           Darbuka :     Lupe Enríquez Parga


    Rematado o repertorio previsto, o coro obsequiou aos presentes coa repetición de Dime, Niño, de quién eres Noche de Dios; esta última peza, xa habitual do final de concerto. Con elas o director da agrupación aproveitou para desexar a todos e todas un FELIZ NADAL E ANINOVO.
 
    Na imaxe un momento da actuación no altar do Bo Xesús da Catedral.







xoves, 18 de abril de 2024

Adeus, amigo Santi

   De maneira sorpresiva tivemos que despedir a Santiago Rodríguez López, destacado biólogo, investigador, catedrático, escritor e querido amigo do Orfeón que faleceu en Bristol (Reino Unido), onde residía e en cuxa universidade traballaba; pasamento que ocurriu despois dunha breve e fatal enfermidade.

 A amizade con Santiago vén de vello, cando a través do noso presidente coñecemos a Carlos Rodríguez Otero, fillo do finado, que por aquel tempo estudaba violín e piano no Reino Unido e que enseguida se fixo acompañante habitual do Orfeón nos concertos de Nadal, cando viñan de vacacións á súa terra. Santi era o noso cámara de maneira desinteresada neses eventos e tanto el como Mary, a súa dona, foron membros de feito da coral en concertos e celebracións sempre que estaban aquí.

 Así sucedeu tamén no mes de decembro pasado, data na que compartimos concerto sen saber que un mes máis tarde coñeceríamos a noticia do estado de saúde que o levaría ao final da súa vida.

 O Orfeón quixo acompañar a Santi e á súa familia nestes momentos de dor asistindo á misa de funeral e ao acto de entrega por parte da alcaldesa do recoñecemento como Fillo Adoptivo de Paradela a título póstumo á súa viúva e fillo, actos que tiveron lugar no Centro Multiusos da localidade; así como ó soterramento das súas cinsas no cemiterio de dita vila.

 A misa foi oficiada por D. Luís Varela Castiñeira, Coengo Prefecto de Música da Catedral e concelebrada polo Vicario Xeral da Diócese e os párrocos de Paradela e Portomarín

 O repertorio que interpretou o Orfeón dirixido por Marcos Fernández Mosquera  foi o seguinte:

   - Hacia Ti, Morada Santa. K. Argüello.
   - Kyrie. Misa de Angelis. Gregoriano.
   - Alléluia dit Irlandais. L. Deiss.
   - Más cerca, oh Dios. L. Mason.
   - Sanctus. Misa de Angelis. Gregoriano.
   - O salutaris. L. Perosi.
   - Yo soy el pan de vida. S. Toolan.

 Durante o acto membros da Banda Municipal de Paradela interpretaron en distintos momentos diferentes melodías solemnes, así como tamén os nosos compañeiros David Ocón Ruiz e Abraham Sánchez Pujante fixeron as súas aportacións musicais acompañados da guitarra.

 Rematada a cerimonia relixiosa deu comezo a civil, na que interviron o anterior alcalde de Paradela, José Manuel Mato; o noso presidente, Xulio Xiz e a alcaldesa da vila, Mª Montserrat Mulet Sar. Todos eles salientaron a personalidade e a valía profesional de Santiago Rodríguez e lamentaron a prematura desaparición do eminente científico e da gran persoa cuxa pegada permanecerá para sempre na memoria de todos. Estas palabras foron contestadas por Carlos Rodríguez Otero, fillo do finado, quen fixo unha emotiva semblanza de seu pai, agradeceu as intervencións anteriores e a numerosa asistencia de veciños e amigos.

  A continuación partiu unha comitiva a pé ata o cemiterio encabezada polos familiares de Santi portando as súas cinsas seguidos de todos os asistentes no medio dun respectuoso silencio.

  No momento de ser soterrado, o Orfeón cantou o Salve Regina gregoriano como despedida definitiva do noso amigo, tras o cal un grupo de gaiteiros de Paradela interpretaron o Himno Galego na súa honra. 

  Descansa en Paz, benquerido Santi.

  Na imaxe un momento da contestación de Carlos Rodríguez Otero.




venres, 29 de decembro de 2023

Corais de Nadal

    Baixo o patrocinio da Deputación Provincial e Tradigalu vén sendo habitual desde hai anos a animación das rúas lucenses  durante o Nadal a cargo das agrupacións corais da cidade. Nesta ocasión o programa botou a andar coa nomenclatura de Corais de Nadal.

   O Orfeón deu resposta á convocatoria cultural, como acostuma, actuando os días 26 e 28 de decembro cantando panxoliñas de distintas épocas e lugares de procedencia nos emprazamentos do centro histórico que lle foron asignados. 

   Na primeira das datas actuamos na rúa da Raíña e na rúa de San Pedro e na segunda na Praza de Santo Domingo e na Praza Maior. En ambos casos o repertorio foi o seguinte:

   - Gaudete. Piae Cantiones. S. XVI.

     Solistas:

       Carlos Rodríguez Otero

       Carlos Sánchez Carrera

       Abraham Sánchez Pujante

     Percusión:

       Guadalupe Enríquez Parga

   - Es ist ein´Ros´entsprungen. M. Praetorius. S. XVI-XVII.

   - Ecce novum gaudium. 17th century Scottish song-books.

   - Eu hei-de m´ir ao presépio. M. de Sampaio Riveiro. S. XIX-XX.

   Natal de Elvas. (O Menino que nasceu). M. de Sampaio Riveiro. S. XIX-XX.

   - One horse open sleigh. J. Pierpont. S. XIX.

        Solista: 

                Francisco Javier Pérez-Schofield

        Percusión:

                Guadalupe Enríquez Parga

    - Na noite máis fermosa. J. E. Spitman. Adap. V.R.Abeijón.

    - Chiquirriquitín. Pop. de Córdoba. Harm. O. Martí.

    - Noche de Dios. F. X. Gruber / Arr. J. Castiñeira. S. XIX-XX

    - Adeste fideles. J. F. Wade. S. XVIII.

   Este ano tivemos a sorte de contar en varias pezas coa colaboración inestimable de dous frautistas membros do Orfeón, David Ocón Ruiz e Abraham Sánchez Pujante, que interpretando acompañamentos, preludios ou interludios contribuiron de maneira especial  a facer máis rica a intervención do coro no nadal lucense.

   Na imaxe un momento da actuación na rúa San Pedro.