mércores, 8 de xullo de 2026

VIII Noite Coral Lucense

   O pasado sábado, día 4 de xullo, celebramos a VIII Noite Coral Lucense, un circuito itinerante de concertos de música sacra que se leva a cabo en templos emblemáticos do centro histórico da cidade e que o Departamento de Música Litúrxica da Diócese de Lugo vén organizando con gran acerto e éxito.

   Esta edición comezou ás 20:30 coa actuación do Orfeón Lucense na igrexa de S. Pedro, á que seguiron o Gruppo Vocale San Bernardo na igrexa de S. Froilán, Carminis Habitus na igrexa da Nova e Solo Voces na igrexa dos Franciscanos; seguindo o programa que se adxunta na imaxe.

   O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano positivo por Andrés Gutiérrez Fernández e o repertorio interpretado foi o seguinte:

  • Anónimo do s. XVIII. Nitida stella.

  • Tomás Luís de Victoria (1548 - 1611). Ave María.
  • Jouzas Naujalis (1869 - 1964). In Monte Oliveti.
  • Esteban Tozzi (1962). Pater noster.
  • Karl Kempter (1819 - 1871). Gloria. Pastoralmesse.

      Actuaron como solistas en Nitida stella, Pater noster e Gloria:

      Sara Nebra, soprano

      Beatriz Enríquez Parga, alto

      Lupe Enríquez Parga, alto

      Abraham Sánchez Pujante, tenor

      Marcos Fernández Mosquera, baixo

      David Ocón Ruiz, baixo

   Dada a duración total do acto, limitouse o tempo de actuación de cada agrupación para permitir que os seareiros puideran asistir a todas elas sen sobrepasar os límites da súa atención. Así, cada 30 minutos comezou un recital, dando tempo para os desprazamentos dun lugar ao outro.Como en cada edición, o final foi na Catedral, reunindo a todos os cantores para interpretar a Historia di Jephte de Giacomo Carissimi, unha obra pertencente ao barroco que recolle un relato do Libro dos Xuices no cal se pón de manifesto a integridade, a valentía dos protagonistas e tamén a imprudencia de facer votos de maneira impulsiva sen calibrar as consecuencias.

   Esta última obra estivo dirixida por Giulio Mercati e acompañada polo
Concentus instrumentalis Lucensis
, cuxos compoñentes, así como os solistas e directores de todas as agrupacións especifícanse no programa que se adxunta na imaxe.

    A oitava edición da Noite Coral foi ocasión dunha dobre estrea para o Orfeón: Por  primeira vez fixemos a gravación íntegra dun concerto noso con cámara propia e os aditamentos correspondentes e tamén por primeira vez anunciamos ao público quen somos mediante un rollup no que figura a imaxe da coral diante da Catedral de Santa María, da que somos o coro titular. A este soporte publicitario adherimos un código QR co enlace ao programa de cada actuación.

    Finalizada a actuación e unha vez que o público ía xa camiño da igrexa de San Froilán para o seguinte concerto, fóronlle entregados polo Presidente da agrupación, Xulio Xiz Ramil, sendos agasallos aos directores que conduciron o Orfeón nos últimos anos: Marcos Fernández Mosquera, (2012 - 2025), Sara Nebra no presente curso, Abraham Sánchez Pujante e Lupe Enríquez Parga, que formaron parte do equipo de dirección no período que agora finaliza. Neste momento a actual directora, Sara Nebra, aproveitou para comunicar a todos os membros a súa decisión de non continuar no cargo por motivos persoais de incompatibilidade co seu traballo actual de profesora de Canto nunha escola de música de A Coruña.

   Nas imaxes, de arriba abaixo, o programa da velada musical, un momento da actuación da nosa agrupación coral, o banner  publicitario do Orfeón Lucense, dous momentos da entrega de agasallos e unha instantánea do concerto final na Catedral.









   

      

Ningún comentario:

Publicar un comentario