Recuperamos o formato da Noite Coral, sen restricións, tal como foi concebido antes da pandemia e nunha noite espléndida, mesmo impropia destas latitudes, iniciamos a serie de concertos que compoñen este circuito artístico e espiritual polos templos da cidade e o Círculo das Artes.
Orfeón Lucense, Sólo Voces, Coro do Hospital e Gruppo vocale San Bernardo interpretaron concertos sucesivos en San Pedro, San Froilán, A Nova e Círculo das Artes, respectivamente, dando tempo aos seus seareiros a trasladarse dun lugar ao outro.
O repertorio interpretado polo Orfeón foi o seguinte:
- O salutaris ostia. Pierre de la Rue.
- Cristo al morir tendea. Fra Marc'Antonio da San Germano.
- Gabriel, el Ángel. Trad. vasca. Harm. E. Pettman. Trad. Carlos Rodríguez.
- Adoramus te, Christe. Theodore Dubois.
- Virgo Gloriosa. Johan August Söderman.
- Cantico dell'Agnello. Marco Frisina.
Tras os concertos de cada agrupación, ás corais anteriores uníronse o Quartetto di Brescia aos trombóns e Nicolás Varela ao órgano, e todos dirixidos por Giulio Mercati interpretamos tres pezas de polifonía renacentista a 12 voces no altar do Bo Xesús da Catedral:
- Sapientiam omnium. Jacob Handl.
- Super flumina Babylonis. Luca Marenzio.
- Tota pulchra es, amica mea. Hieronymus Praetorius.
Foi unha experiencia intensa e emocionante que compensou todo o traballo e esforzo que supón a preparación dun evento destas características con persoas que, nalgúns casos, vivimos a miles de kilómetros de distancia.
Durante unhas horas a cidade encheuse de harmonías diversas e marabillosas que os afeccionados á música sacra coral e os intervintes no acto puidemos desfrutar, ao tempo que un percorrido polo casco histórico nun solpor fermosísimo de verán completou unha xornada de música e convivencia cuxos ecos perdurarán nos nosos ouvidos por moito tempo.
Na imaxe dous momentos da Noite Coral: Concerto do Orfeón e concerto final.
Ningún comentario:
Publicar un comentario