domingo, 14 de maio de 2023

Ata sempre, César

  Vimos de enterarnos do pasamento do noso compañeiro César. Hai persoas con tal carisma que semella sempre nos acompañarán, pero o devir da vida devólvenos á realidade, e iso é o que estamos a vivir neste momento.

  César José Gómez formou parte da familia do Orfeón durante máis de corenta anos e foi un dos promotores do Coro Parroquial de San Francisco Xavier. A súa paixón pola música queda fóra de toda dúbida, tanto nos momentos oficiais como nos de lecer, nos que adoitaba arrancar a súa serie de cancións favoritas, entre as que estaba Don Facundo; cancións ás que nos sumábamos gustosos.

  Filósofo, home de leis e de fe, líder natural, gran conversador, intelixente, sabio, dotado dunha simpatía espontánea; pero sobre todo, unha persoa chea dunha gran bondade que espallaba en calquera sitio que estivera, facendo gala dun humor limpo e chispeante.

  Na seguridade de que el nos estaría acompañando, dirixidos por Marcos Fernández Mosquera, cantamos unha misa este domingo en San Francisco Xavier na que puxemos todo o noso sentimento. Este foi o repertorio:

   -  Más cerca, oh Dios. L. Mason.

   - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.

   - Deus do universo. L. Olano.

   - Santo. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina.

   - Anima Christi. M. Frisina. 


 O seu baixo profundo estará formando parte do mellor coro alí onde estea e  quedará para sempre resoando nos nosos ouvidos. Ata sempre César.

  A continuación inserimos as palabras que o noso Presidente, Xulio Xiz, escribiu para César, ás que nos sumamos, que foron lidas  ao final do acto pola nosa compañeira Ángeles Rodríguez Fontela, por ausencia do seu autor.


Lembrando a César José Gómez Fernández, 14.05.2023
Uns días despois do seu pasamento, os que con el vivimos cantando, temos que decirlle “ata sempre” a César, lembrando os momentos felices que pasamos á súa beira, cantando e falando, razonando, filosofando… porque César era falador, razonador, filósofo… e cantor.
Estamos aquí hoxe dous colectivos dos que que César formou parte; dous colectivos cantores que César levou sempre na alma e no corazón: os amigos do coro San Francisco Javier (el foi un dos promotores deste coro), e os membros do Orfeón Lucense, coro da Catedral de Lugo. Todos os membros doas dous coros sabémonos, somos, irmáns de César, o noso especial compañeiro e amigo.
Nas dúas agrupacións, era o máis veterano. Xa por iso, por experiencia, correspondíalle ser o máis sabio… Pero era o máis sabio, non só por antigüidade, senón por intelixencia, esforzo, tesón… e por fe. 
Dereito e filosofía foron os marcos intelectuais nos que se foi encadrando o seu pensamento e a súa vida. A súa especial intelixencia, unida a unha forza de vontade sen límites, logrou a especial sabiduría existencial da que todos fomos partícipes e beneficiarios.
No Orfeón Lucense foi un especial referente e formaba parte do grupo dos “históricos” que participaron con D José Castiñeira en 1982 na refundación do mítico “Orfeón” que fundara Xoan Montes, e así recibiu homenaxe en 2007 polo cuarto de século cantando na nosa Agrupación.
Esta misa e estes cantos lembran e renden homenaxe ao noso César, que agora seguro nos está a contemplar con agarimo en compañía de Mercedes Álvarez, Julia Iglesias, Enrique Aguiar, Eugenio Corral, Manuel Jacob, José Ángel Núñez e Luís Vázquez, compañeiros que temos xa no alén, animándonos e inspirándonos.
No nome das agrupacións musicais nas que César vivíu a música, queremos agradecer á súa familia telo compartido connosco tan longo e  fructífero tempo, e desexarlles a Rosa, a súa viuva, e aos seus fillos César, Maripaz e Rosa, e a toda a súa familia, que a dor da ausencia quede mitigada polo agarimo que César ten colleitado entre nós, na seguridade de que César tería un “Sursum corda”, “Arriba os corazóns!”, especial para eles, e para todos nós, para animarnos a seguir cos nosos cantos que el sabía moi ben que ao fin resulta ser unha especial oración.
Descanse en paz o amigo-irmán César José Gómez Fernández e que, nesa nova vida, sexa alomenos tan feliz como foi entre nós, e nos fixo ser a todos os que con el vivimos.











  

Ningún comentario:

Publicar un comentario