Chegou o día esperado. Tras unha moi agradable viaxe propiciada por Marcial, un condutor sereo e eficaz, pisamos Astorga nunha mañá soleada e coa temperatura xusta para estar cómodos.
Esperábanos a Catedral ateigada de visitantes e fieis, igual que a cidade, que bulía especialmente con motivo dunhas xornadas gastronómicas que estaban tendo lugar alí.
Admiramos o fermoso templo de estilo gótico tardío, barroco e renacentista; con numerosas vidreiras, abundante imaxinería e unha disposición do coro e do órgano un tanto chocantes para nós, tanto polo seu acceso, moi angosto, como pola súa colocación: enfrontados ambos entre si e situados perpendicularmente aos oíntes e ao altar. Disposición que non impediu aos fieis apreciar e valorar a sonoridade dos nosos cantos.
Tras un ensaio xeral coa organista, comezou a misa presidida por D. Jesús Fernández González, prelado da diócese, na que o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, interpretou o seguinte repertorio:
- Hoy proclamamos. L. Burgeoise.
- Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
- Gloria. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
- Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.
- O salutaris. L. Perosi.
- Santo. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
- Anima Christi. M. Frisina.
- Reina del Cielo. J. Castiñeira.
Ao remate da celebración esperábannos o prelado e o salmista da Catedral para agradecernos a visita e felicitarnos pola actuación, así como para ofrecernos a posibilidade de volver cando o desexemos.
De seguido, unha pequena parada para visitar a cidade e un xantar de confraternidade en Castrillo de los Polvazares puxeron fin a unha xornada que nos permitiu gozar da beleza de Astorga e a súa contorna e, ao mesmo tempo, convivir doutra maneira entre nós. Un especial agradecemento á nosa compañeira Remedios Martínez Rodil pola perfecta organización e loxística nesta viaxe.
Na imaxe o Orfeón diante da Catedral de Astorga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario