Falando con Armando Polo Rivas. A Milagrosa, 25.02.2023
As voces que acompañaron esta misa vespertina da igrexa parroquial da Milagrosa en Lugo, son as do Orfeón Lucense, coro da Catedral de Lugo, e - no “Señor, ten piedad”, do Coro San Francisco Javier, dirixidos ámbolos dous por Marcos Manuel Fernández Mosquera.
Tiñamos pendiente vir cantar estas cancións, como un conxunto de oracións, desde o pasado mes de decembro, cando se produciu o pasamento de Armando – Armando Polo Rivas -, compañeiro e amigo de todos os compoñentes dos dous coros.
A misa de funeral por Armando, celebrada nesta igrexa, na súa parroquia, non puido ser cantada por Orfeón e Coro por ser día laborable no que, aínda que bastantes dos nosos membros estiveron presentes, faltábannos voces de compañeiros que, por traballo, non puideron asistir. E propuxémonos, de acordo coa familia e coa parroquia, onde sempre todo son facilidades e amizade, vir cantar unha misa pensando en Armando, diante da súa familia, diante dos feligreses milagrosistas, e diante do Señor que Armando tivo presente en todos os momentos da súa vida.
E viñemos hoxe, cando se cumpren 60 días da súa desaparición física, cantar a misa para todos vós tendo presente a Armando. Non vimos a despedilo, senón que quixemos falar con el no idioma que mellor entendía, porque Armando, que profesionalmente podería definirse como un home de números, era para nós, especialmente, un home da canción e da música e como tal viviu connosco moitas aventuras musicais, moitos soños e moitas realidades, moitos sacrificios e moitos aplausos...moita vida e moita música.
E se Armando falaba galego e castelán á perfección con todos nós, no seu idioma musical – compatible con todos os idiomas verbais – era entendido, sintonizado, escoitado, respondido… por todos os amadores da música que somos a inmensa maioría dos seres humanos.
Armando, connosco, entre nós -nos dous coros, unidos pola música e polo director común - foi feliz entregándose ao canto, sacro ou profano, galego ou latino, tristeiro ou ledo… cunha felicidade fraterna, contaxiosa, que era proba da felicidade que vivía con Dolores, con toda a súa familia nas tres xeneracións que Dolores e el viron nacer no seu fogar, dando permanente exemplo de bonhomía, compañeirismo, entrega, entusiasmo… alegría, en fin; alegría de cantar e de vivir.
Por iso, non viñemos despedir a Armando, senón falar con el cantando, pechando a conversa decíndolle “Ata sempre Armando, amigo”, cantándovos/cantándolle “Más cerca, oh Dios, de ti” de Lowell Mason.
Ningún comentario:
Publicar un comentario