domingo, 5 de marzo de 2023

Ata sempre, Julia

   Poucos días pasaron desde que despedimos ao noso compañeiro Armando e agora tocou acompañar a Julia na súa última viaxe.

  Julia Iglesias Arias foi unha contralto do Orfeón durante máis de 25 anos, tempo no que asistiu con regularidade e puntualidade aos ensaios e actuacións, coa entrega e o entusiasmo propios de quen realiza unha actividade artística voluntariamente e por afección ata o punto de ser unha prioridade na súa vida.

 No ano 2007 recibiu, xunto con outros coristas coetáneos, unha placa conmemorativa con motivo da adicación e a entrega ao Orfeón durante un cuarto de século, mérito ao que ela sempre aludía con orgullo e afecto. 

  Sempre lembraremos a Julia como persoa de bo carácter, sorrinte, amable, boa compañeira e namorada da música. Por iso acompañamos á súa familia na igrexa parroquial da Milagrosa para adicarlle algunhas das pezas que ela tantas veces cantou con nós e que, seguro, entonará alí onde estea:

   - Hacia ti, Morada Santa. Kiko Argüello.

   - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Interleccional. J. Castiñeira.

   - O salutaris, Hostia. L. Perosi.

   - Zum Sanctus. F. Schubert.

   - Cordero de Dios. A. Taulé.

   - Pescador de hombres. B. Corona.

   - Más cerca, oh Dios. L. Mason.

   Unha vez finalizada a cerimonia relixiosa, o presidente do Orfeón Lucense, Xulio Xiz, adicoulle unhas agarimosas palabras no nome de toda a agrupación, que reproducimos a continuación.

    Ata sempre, Julia!


Funeral de Julia Iglesias Arias, do Orfeón. 4.03.2023

O Orfeón Lucense, Coro da Catedral de Lugo, dirixido polo seu titular Marco M. Fernández Mosquera está cantando por Julia co mesmo sentimento que Julia cantou para nós, connosco, para vós; para todos os que expresamos sentimentos que só sabemos transmitir cantando.

Julia, contralto, foi unha das nosas voces máis veteranas e entrañables. O paso do tempo vai incorporando voces novas a unha labor cantora común, e ese mesmo tempo, a veteranía que se traduce en experiencia e  saber, que proporciona sutilezas e recursos cando a potencia se aminora, é a época dourada na que quen canta disfruta máis do saber facer; da inmorrente paixón por cantar.

Cando en 2007 celebramos os primeiros 25 anos da refundación do Orfeón Lucense por don José Castiñeira Pardo, entregamos cadansúa placa de homenaxe aos cantores que durante eses vintecinco anos formaron parte do Orfeón; formaron parte de nós. Falando onte con Eduardo e José Antonio os fillos de Julia e Antonio, lembramos aquel acto fermoso no que Julia e outros varios compañeiros e compañeiras recibían aquel merecido recoñecemento polo entusiasmo, o traballo, a perseverancia ao servizo da catedral, de Lugo, da música, e deste Orfeón que agora cumpre 42 anos nesta etapa, e 143 desde que no século XIX o fundara Xoán Montes.

Nos primeiros 25 anos desta nova etapa, vividos connosco por Julia, sabemos que tivemos máis de mil actuacións públicas nas que que ela interviu na inmensa maioría, sendo imposible levar a conta de ensaios e ilusións; de actuacións e sacrificios; de satisfaccións e de entrega, porque para formar parte dunha agrupación coral tanto tempo e tan intensamente, requírese un gran esforzo e entrega, capacidades e estudio; unha dedicación abnegada… pero tamén comprensión e axuda nas familias, colaboración e sacrificio por saber que este oficio de cantar non só depende da voz, da saúde, do coñecemento e da técnica… Como en todo nesta vida, require agarimo e sintonía; amor, en fin, por parte de todas as nosas unidades familiares.

Hoxe, aquí, pois, cantamos a Julia, por Julia, agradecéndolle  todo o traballo, o agarimo e a ledicia que trouxo o Orfeón… e cantámoslle á súa familia aquí presente, a Antonio que hai tempo nos deixou, para darlles as grazas por haber compartido connosco ptanto tempo, tan intensamente, un anaco tan importante da vida de Julia.

E imos rematar cun canto  de Lowell Mason que Julia, sen dúbida cantará connosco no alén, mirando a Deus cara a cara: “·Mais preto de ti, Señor”.






Ningún comentario:

Publicar un comentario