O Orfeón Lucense participou este sábado na misa solemne de Nosa Señora que, baixo a advocación da Virxe dos Ollos Grandes, é a patroa de Lugo.
Celebrouse na Catedral e estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, concelebrada por varios cóengos asistidos por ministros auxiliares e contou coa asistencia dos membros da corporación municipal e outras autoridades ademais de numerosos fieis.
O Orfeón, dirixido por Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e Andrés Gutiérrez, interpretou o seguinte repertorio:
- Himno a la Virgen de los Ojos Grandes. Ángel Garrote /Julián Ortiz.
- Kyrie en Ré Majeur. Jean Paul Lécot / Paul Décha.
- Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
- Alléluia. Isauro García Ramos.
- Nitida stella. Anónimo S. XVIII. Harm. M. Gemmani.
- Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
- Agnus Dei de la Messe "Peuples de la Terre". Gioachino Rossini / Jean Paul Lécot.
- Ave Maria. Tomás Luis de Victoria.
- Anima Christi. Marco Frisina.
Ao finalizar a misa, os oficiantes, autoridades e fieis desprazáronse ata o camarín da Virxe dos Ollos Grandes. Alí a nosa compañeira Ángeles Rodríguez Fontela pronunciou unha plegaria á que sucedeu a ofrenda floral presentada pola alcaldesa da cidade, Elena Candia. Mentras tanto no coro da sé soaba a Cantiga 77 de Afonso X O Sabio de título Da que Deus mamou, na que se narra un milagre sucedido en Lugo: a curación dunha muller tolleita por mediación da Virxe.
Sobre a capela na que se enlazamos aquí, por consideralo de interese, un traballo de Dolores Vila Jato, da universidade de Santiago, baixo o título de La capilla de la Virgen de los Ojos Grandes de la Catedral de Lugo, un espacio de exhaltación mariana.
Hai que sinalar que nesta actuación tivemos a honra de contar con dous cantores de excepción: Lidia Basterretxea, soprano profesional e profesora de Canto e Giulio Mercati, organista, compositor, profesor e director artístico do Festival Internacional de Música de Órgano da Diócese de Lugo, ambos residentes en Saronno (Italia), cun amplo desenvolvemento profesional no eido da Música e as artes escénicas en diferentes lugares de Europa. Os dous son amigos da nosa agrupación coral aos que agradecemos a súa presenza.
Por outra parte, nesta actuación remata unha nova etapa do Orfeón baixo a dirección de Sara Nebra, quen cesa a petición propia por incompatibilidade coa súa actividade profesional como profesora de Canto e a quen agradecemos a súa aportación durante este curso.
Nas imaxes, en sentido descendente: un momento da celebración, a ofrenda e a lectura da plegaria por Ángeles Rodríguez Fontela e unha imaxe do Orfeón Lucense con Sara Nebra.



Ningún comentario:
Publicar un comentario