venres, 7 de novembro de 2025

Actuación na homenaxe a Francisco Cacharro Pardo

     O pasado día 5 de novembro o Orfeón foi convidado por medio do seu Presidente, a participar na homenaxe a Francisco Cacharro Pardo con motivo dos dez anos do seu pasamento.

    O acto tivo lugar no salón de actos da Facultade de Veterinaria desta cidade conducido polo noso Presidente, Xulio Xiz, coa asistencia da familia, numerosas autoridades, entre elas, o Presidente da Xunta de Galicia, gran número de alcaldes, simpatizantes e amigos do finado.

    A actuación da nosa coral estivo dirixa por Abraham Sánchez Pujante e o repertorio interpretado foi o seguinte:

    Nesta última peza fomos acompañados polo gaiteiro Sergio del Río, da agrupación Bágoas da Terra, de Viveiro, quen tamén iniciou o acto interpretando o Himno do Antigo Reino de Galicia.

    No transcurso do acto comunicouse por parte de Xulio Xiz e Antonio Giz a existencia dunha exposición itinerante, unha páxina web e un libro da autoría de ambos, con numerosas colaboracións que versan sobre a figura do homenaxeado; libro repartido gratuitamente ao concluír a xuntanza.

    Na fotografía que segue recóllese un momento da celebración.

    



martes, 28 de outubro de 2025

Misa cabodano e Entrega do II Premio José Castiñeira de Humanidades

    Cada último domingo do mes de outubro o Orfeón Lucense, a Catedral de Santa María e o Bispado de Lugo celebran a misa aniversario do pasamento de D. José Castiñeira e a entrega do Premio de Humanidades que leva o seu nome.

  Para versar a vida e obra do admirado músico refundador da nosa coral remitímonos a un post anterior deste blog que enlazamos para non caer na reiteración.

    A celebración tivo lugar no altar maior, presidida por D. Luís Varela Castiñeira, sobriño de D. José, e contou coa colaboración de D. Mario Carballo e D. José Lebón; actuando como acólito o noso compañeiro Carlos Sánchez e contou coa  asistencia da familia do extinto profesor, entre outras personalidades. 

   O oficiante salientou na homilía as cualidades humanas e profesionais do mestre, entre as que destacou a humildade e a cercanía.

    O Orfeón situado no coro, como é habitual, estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez, interpretando un repertorio formado en boa parte por composicións do mestre Castiñeira na súa honra. Dito repertorio foi o seguinte;

  • Aledémonos. Xosé Castiñeira.
  • Misa Galega: Señor ten piedade, Gloria, Santo, Año de Deus. José Castiñeira.
  • Aleluia. Isauro Garcia Ramos.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro Grrcía Ramos.
  • O pan do ceo. Xesús Portas Ferro / Isauro garcía Ramos.
  • Cantemos al Amor de los Amores. Ignacio Busca de Sagastizábal.

    Finalizada a misa, coro e asistentes desprazámonos ao claustro da catedral onde Ana Manuela de Acebedo, contralto da nosa agrupación, depositou en nome do Orfeón unha ofrenda floral na sepultura do finado.

    Acto seguido tivo lugar a entrega do II Premio de Humanidades José Castiñeira, que este ano recaeu no avogado lucense Alejandro Fernández Pumariño pola súa dedicación social e labor solidario, na que destacan o seu traballo en Cáritas como presidente durante dezasete anos, catro anos membro do Consello de Cáritas Española, e Presidente da Fundación "Preescolar na Casa", que propiciou a formación preescolar no rural para nenos, preparando aos seus pais para dar solución a esta carencia formativa nunha etapa vital tan importante. 

     En primeiro lugar tomou a palabra o noso presidente, Xulio Xiz, quen fixo unha breve aproximación á figura de D. José  e xustificou  a concesión da distinción ao premiado polo paralelismo existente entre os seus valores e os do finado profesor, palabras que reproducimos máis abaixo. 

    Contestou Alejandro Pumariño loando  a D. José Castiñeira, de quen foi alumno nos doce anos da súa estancia no seminario, por ser quen lle inculcou o amor pola  Música ao admitilo na Schola Cantorum e animalo a tocar o violín, afección que continúa na actualidade formando parte dun coro. Lembrou que sempre conseguía de cada un dos seus pupilos unha disciplina como se fosen notas  dunha obra musical. Deu as grazas a todos os que o acompañaron en Cáritas, en Preescolar na casa e na Asociación de Apoio ao Drogodependente, entidades que presidiu ou coas que colaborou ao longo da súa vida. Rematou deixando no aire a idea que, seguro, orientou a súa traxectoria vital e profesional: a solidariedade fainos ser mellores persoas.

  A continuación a nosa agrupación interpretou na honra do finado profesor Anima Christi, de Marco Frisina, e Más cerca, ¡oh Dios! de Ti, de Lowell Mason co que se deu por finalizado o acto na catedral. De seguido camiñamos ata o busto conmemorativo que Juan Puchades realizou de D. José Castiñeira para poñer ao seu pé un ramo de flores como tributo na rúa ao ilustre lucense.

    Finalizou a xornada cun xantar de confraternidade ao que foron convidados,  ademais dos membros do Orfeón, a familia  Castiñeira, o premiado e a súa familia e o párroco de San Froilán, onde o Orfeón realiza a metade dos ensaios.

    Nas imaxes, distintos momentos deste día de celebración.








    Reproducimos aquí as palabras pronunciads polo noso presidente Xulio Xiz na entrega do II Premio de Humanidades José Castiñeira:

    Lembramos con esta misa, e a culminación do Certame que leva o seu nombre, que se cumpren 36 anos do pasamento de José Castiñeira Pardo, fundador do Orfeón Lucense, e as voces do Orfeón sóan na súa honra nesta celebración que oficia Luis Varela Castiñeira, o seu sobriño que segue o percorrido vital do crego, profesor, músico e musicólogo que deixou tan forte pegada en todos os que tivemos a honra de coñecelo e tratalo.

    A conmemoración do pasamento hai xa tanto tempo de Don José Castiñeira,  no altar maior da catedral lucense, a súa casa tan querida, engloba con toda lóxica a seu irmán, Manuel, co que o Orfeón mantivo sempre unha amizade estreita, no común agarimo por José, que nos deixou tan cedo, e polo vencello que a nosa agrupación ten coa  Familia Castiñeira, aos que consideramos – e non só musicalmente – como familia de noso.

    Desde o pasado ano, á celebración do cabodano, que sempre ten conmemoración relixiosa, ofrenda floral na tumba e no monumento que o lembra na Praza do Seminario e ofrenda musical nesta misa e no claustro diante da sua tumba, únese a culminación do Certame de Humanidades que leva o seu nome. Este ano, por segunda vez, convocamos o premio o Orfeón Lucense, a Catedral Basilica que nos acolle, e o Bispado de Lugo.

    É un Certame que pretende premiar a persoas que no talante, dedicación, traballo, se parezan a José Castiñeira Pardo, defendan os mesmos valores, e traballen a prol da sociedade dun xeito construtivo, pola convivencia social e a mellora das relacións humanas, de maneira que o premio de humanidades podería ser tamén Premio de Humanidade, tal é o singular perfil humano que buscamos e atopamos no noso premiado. Nun tarxetón que temos repartido, e quen estea sen el poderemos entregarllo ao final, publicamos pinceladas da singular biografía de Alejandro Fernández Pumariño, o premiado nesta segunda edición.

    Pero nuns datos biográficos, aínda que se dan pistas importantes dos camiños que Fernández Pumariño leva percorridos na súa vida activa e mesmo agora que descargou na súa filla unha herdanza de prestixio e seriedade, non poden reflexarse o seu prestixio persoal e profesional, a entrega a causas sociais, a súa vocación de servizo, mesmo a súa cercanía a José Castiñeira Pardo.

    A entrega do premio efctuarase no Claustro da Catedral, ao remate desta celebración, á que rogamos a todos que nos acompañen para – honrando a Alejandro Fernández Pumariño, acreditar que a memoria e legado de José Castiñeira seguen vivos, e seguirán mentras haxa entre nós persoas lque se parezan a el. 



    

martes, 14 de outubro de 2025

Misa en Latín 2025

     Un ano máis fomos convidados pola asociación de antigos alumnos da Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón a cantar na Misa en Latín que dita agrupación organiza como un dos actos da Feira Medieval instalada habitualmente o 12 de outubro no adro da Catedral e Praza de Santa María.

    A celebración foi oficiada por D. Rodrigo Rúa Iglesias e actuou como lector D. Gonzalo Fraga Vázquez. O Orfeón situouse nesta ocasión nas escaleiras da Porta Norte do templo e interpretou o seguinte repertorio baixo a dirección de Sara Nebra:

  • Jesu! Rex admirabilis. Giovanni Pierluigi da Palestrina.
  • Misa de Angelis. Kyrie, Sanctus, Agnus Dei. Gregoriano.
  • Alleluia. Gregoriano.
  • Jesu dulcis memoria. Gregoriano.
  • Adoramuste Christe. Théodore Dubois.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
  • Da que Deus mamou. Cantiga 77. Afonso X ´O Sabio´.
    
    Por primeira vez esta misa non puido ser celebrada en latín, como era o habitual, senón en castelán, por non estar dispoñible ningún sacerdote que a puidera oficiar en dita lingua. Este feito quizáis foi debido en parte a que coincidiu o día 12, data da súa celebración, a domingo; día da semana no que os presbíteros adoitan estar ocupados coas súas obrigas parroquiais. Tampouco hai que esquecer o feito de que paulatinamente van quedando cada vez menos oficiantes en latín, por razón de idade.

    Na imaxe, un momento da celebración.






    

    

mércores, 8 de outubro de 2025

Misa de San Froilán 2025

     Celebramos este domingo a festividade de San Froilán, patrón de Lugo. A Catedral lucense celebra este día cunha misa solemne na que intervén, como de costume, o Orfeón aportando os seus cantos.

    Deu comezo puntualmente ás doce do mediodía presidida polo prelado da Diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, concelebrando con algúns coengos e auxiliado por acólitos e lectores. A introdución á cerimonia e dirección dos cantos dos fieis correu a cargo de D. David Varela, coengo e rector do Seminario da Sagrada Familia e San Lourenzo.

    Monseñor Carrasco Rouco  aludiu na homilía á importancia de San Froilán como "abade e formador de comunidades monásticas que, mediante unha vida de humildade e desprendemento foron xerme de vida nova" destacándoo como exemplo de crecemento humano, de elocuencia e claridade na palabra para transmitir a súa fe.

    Como vén sendo habitual, asistiron á celebración relixiosa do patrón de Lugo o alcalde da cidade, D. Miguel Fernández, a corporación e diversas autoridades civís e militares.

    O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez para interpretar o seguinte repertorio:

  • Procesional de entrada. José Molejón.
  • Misa Galega: Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
  • Aleluya. Isauro García Ramos.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro García.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
  • Himno a San Froilán. José Molejón.
    Quero determe brevemente na interpretación de Anima Christi pola aceptación unánime con que o pobo a acolle. Trátase dunha peza que se canta despois da comuñón, de fonda espiritualidade, composta por Marco Frisina, actual mestre de capela da Catedral de Roma e reitor da Basílica de Sta. Cecilia en Trastévere.

   Frisina é director  e compositor de numerosas pezas sacras, entre elas unha Misa na honra do Apóstolo Santiago; así como profanas, entre as que se encontran varias bandas sonoras e algunha ópera. En Anima Christi puxo música  a unha oración de autor descoñecido que data do século XIV e que expresa un profundo desexo de unión con Cristo ao tempo que se lle implora a salvación eterna.

    Mentras soaba o Himno a S. Froilán como despedida da cerimonia relixiosa mostrouse por primeira vez unha reliquia do santo, que foi venerada polos fieis que así o desexaron.

    Como anécdota da celebración lembraremos a indisposición dun asistente ao acto que requeriu a presenza dun facultativo e fixo que a misa tivese que interromperse durante uns minutos para atender a petición de auxilio feita por unha persoa situada entre os fieis.

    Nas imaxes, momentos desta solemnidade, por xentileza da web da Diócese de Lugo.






    


    

luns, 29 de setembro de 2025

II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades

    Facémonos eco da convocatoria da II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades feita polo Orfeón Lucense, a Diócese de Lugo e a Catedral Lucense para "premiar persoas ou institucións que pola súa traxectoria, disposición e entrega se distingan no seu labor humanístico, nas Artes ou nas Letras a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo de traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome".

    Enlazamos de seguido o texto íntegro da convocatoria:


Convocada a II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades

O Orfeón Lucense, xunto coa Diocese de Lugo e a Catedral Lucense, veñen de convocar a II edición do PREMIO JOSÉ CASTIÑEIRA DE HUMANIDADES, para premiar persoas ou institucións que, pola súa traxectoria, disposición e entrega, se distingan no seu labor humanístico, nas artes ou nas letras, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo do traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome.

O premio, sen dotación económica, consistirá nunha placa que deixe constancia do nomeamento, e será entregado nun acto público e solemne, a celebrar o último domingo de outubro no Claustro da Catedral de Lugo, inmediatamente despois da celebración relixiosa do cabodano do P. Castiñeira, e antes da ofrenda floral que tradicionalmente se celebra diante da súa tumba.

O xurado estará formado por representantes das tres institucións convocantes, podendo incorporar a persoas de recoñecido prestixio da sociedade lucense e galega.

A este premio poden presentar propostas, con exposición razoada dos méritos de cada candidato/a, as asociacións culturais, entidades oficiais ou privadas, os particulares que o desexen, e os membros do xurado, ata o próximo 16 de outubro, enviándoas ao correo info@orfeonlucense.com, ou entregándoas persoalmente no Pazo Bispal de Lugo.


    

luns, 8 de setembro de 2025

Comezamos!

     Estamos poñendo todo a punto para comezar con novos proxectos e ánimos renovados, sen perder de vista o noso cometido de sempre como coro titular da Catedral de Lugo.

    Os ensaios empezarán o día 12 de setembro nos lugares e horas habituais: os martes no salón parroquial de San Froilán, Praza do Ferrol nº 14 e os venres no local do Orfeón, Rúa do Cruzamento nº 5; en ambos casos ás 19:30 h.

    Se che gusta cantar e estás interesado ou interesada en pertencer a un coro destas características non dubides en achegarte. Faráseche unha pequena proba inicial para ubicarte na voz que che corresponda pola túa tesitura e... a traballar e desfrutar do pracer de cantar xuntos!

    Agardámoste!!!




domingo, 17 de agosto de 2025

...E punto

     ...E tras un curso intenso no que non faltaron boas emocións e novidades, chega a hora de facer unha pausa.

    Voltamos en setembro con máis actividade.

    Ata pronto!!!






sábado, 16 de agosto de 2025

Misa de Nosa Señora 2025

     Este venres o Orfeón Lucense asistiu á celebración da festividade da patroa de Lugo, a Virxe dos Ollos Grandes.

    A cerimonia solemne celebrouse na Catedral de Santa María e estivo presidida polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado de distintos cargos do estamento eclesiástico. Entre os asistentes estiveron diferentes autoridades, a corporación municipal e numeroso público que enchía en boa parte a sé.

    O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez e interpretou o seguinte repertorio:

  • Himno a la Virgen de los Ojos Grandes. Ángel Garrote /Julián Ortiz.
  • Kyrie en Ré Majeur. Jean  Paul Lécot / Paul Décha.
  • Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Alléluia dit Irlandais. Fintan O´Caroll / Lucien Deiss.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe "Peuples de la Terre". Gioachino Rossini / Jean Paul Lécot.
  • Hija del pueblo. Alberto Taulé.
  • Ave verum. Jean Paul Lécot.

    Finalizada a misa, celebrantes, coro e público trasladáronse ao camarín da Virxe dos Ollos Grandes onde a representante do Concello fixo unha ofrenda floral á patroa e, tras os rezos e a beizón do prelado, a nosa agrupación entoou a Cantiga nº 77 de Afonso X O Sabio titulada Da que Deus mamou, que narra o milagre da curación dunha muller tolleita sucedido en Lugo e atribuído á nosa patroa.

    Na imaxe superior a miniatura e tradución da Cantiga nº 77 e na inferior a nosa agrupación nun momento posterior á celebración.







    


    

martes, 5 de agosto de 2025

Noraboa!!

    O sábado, día 2 de agosto, o  Orfeón Lucense tivo a honra de acompañar á nosa directora, Sara Nebra, nun día moi especial para ela porque casaba. 

    Para os coristas foi unha xornada emocionante, porque aparecemos por sorpresa para cantarlle aos noivos e convidados á saída da cerimonia este pequeno repertorio, dirixido por Lupe Enríquez:

  • Gabriel´s oboe. E. Morricone.

        - Oboe: Miguel Alonso Prada.


  • Xoias d´auga. Sara Nebra / Arr.: Daniel Díaz. 

        - Pandeireta: Silvia Nadela.

        - Pao de choiva: Carmen Arias.


  • Giovani liete. Acto I, nº 8 de As vodas de Fígaro.

        - Violín: Manuel Fernández Gayol.


    Ao finalizar o recital desexámoslle a maior FELICIDADE á parella e coa invitación a un aperitivo pola súa parte, despedimos este día sinalado pola emoción, tanto para eles como para o noso coro. 



sábado, 19 de xullo de 2025

Misa da Virxe do Carme 2025

      Como en anos anteriores, fomos convidados a cantar na festividade da Virxe do Carme. Dado que aínda non remataron as obras na súa capela, a celebración tivo lugar na Igrexa de San Pedro, que tamén nesta ocasión rexistrou unha gran asistencia.

    A misa estivo pesidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado por algúns coengos, presbíteros, acólitos e lectores. Entre os asistentes, en lugar preferente, as autoridades civís e eclesiásticas, directivos da Confraría do Carme e, como vén sendo habitual, un bo número de confrades femininas ataviadas coa mantilla branca.

    Esta actuación do Orfeón tivo carácter especial por ser a primeira da nova etapa baixo a dirección de Sara Pérez Cruz, Sara Nebra; polo que, tanto ela como todos os coristas, vivimos o momento coa emoción dunha estrea.

    O repertorio elixido para este día foi o seguinte:

  • Himno a la Virgen del Carmen. Letamendía.
  • Kyrie en Ré M. J. P. Lécot /P. Décha.
  • Gloria de Lourdes. J. P. Lécot.
  • Alléluia dit Irlandais. F. O´Caroll / L. Deiss.
  • Deus do Universo. L. Olano.
  • Sanctus de Lourdes. J. P. Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe "Peuples de la Terre". G. Rossini / J. P. Lécot.
  • Ave María. T. L. de Victoria.
  • Ave verum. J. P. Lécot.

    Rematada a misa, a imaxe da Virxe do Carme saiu en procesión polas rúas e prazas do centro histórico acompañada polas autoridades civís e relixiosas,  pola asociación cultural Airiños de Orbazai e seguida de numerosos confrades e fieis.

    Na imaxe un momento da actuación do Orfeón dirixido por Sara Nebra.







martes, 8 de xullo de 2025

VII Noite Coral Lucense

    Este sábado, 5 de xullo, tivo lugar un dos eventos esperados polas agrupacións corais que nel veñen participando desde hai anos nestas datas. É a Noite Coral Lucense que xa acada este ano a súa sétima edición.

    Trátase dun itinerario musical que percorre os principais templos do centro histórico levando a música sacra á súa expresión máis elevada nun marco artístico relevante como é o das igrexas da nosa cidade, para acabar cunha interpretación final conxunta de todos os participantes na Catedral de Sta. María.

    Comezou esta vez na Igrexa de S. Pedro coa actuación do Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera, co seguinte repertorio:

  • Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina. Jesu dulcis memoria. Gregoriano.
  • Miserere. G. Donizetti. 
    • Versetto 16. Domine labia mea
    • Versetto 18. Sacrificium Deo
    • Versetto 20. Tunc acceptabis
  • Nunc dimittis. Sir Ch. Villiers Stanford.
        Contrabaixo: Miguel Ángel Marín Calderón       
        Harmonio: Andrés Gutiérrez Fernández
        Dirección: Lupe Enríquez Parga   
  • Sicut lilium inter spinas. M. Raczynski.
  • Cantate Domino. A. Gretchaninoff.
    A esta actuación seguiron a do Gruppo Vocale San Bernardo na Igrexa de San Froilán, de Carminis Habitus na Igrexa da Nova, e de Solo Voces na Igrexa dos Franciscanos; das que se adxuntan os programas na imaxe que enlazamos máis abaixo. Finalmemte confluíron todos os coros na Catedral de Santa María para entoar o Gloria en Re M. de Antonio Vivaldi acompañados do Concentus Instrumentalis Lucensis baixo a dirección de Giulio Mercati.

  Numerosos seareiros da Noite Coral completaron o circuito de recitais nesta velada, moitos dos cales xa nos son caras familiares; sendo a asistencia especialmente numerosa no concerto final, ao que tamén acudiron as autoridades eclesiásticas.

  Foi verdadeiramete emocionante participar neste acontecemento musical que enche de son e arte a noite lucense e na que se dan cita algunhas das  mellores voces da cidade apoiadas por cantantes e instrumentistas profesionais.

  É de agradecer a Luís Varela Castiñeira, que tomou a iniciativa desta actividade; a Abraham Sánchez Pujante, e a Giulio Mercati, director artístico do Festival Internacional de Órgano e da Noite Coral, toda a actividade que vén desenvolvéndose desde hai uns anos na contorna da Catedral para poñer en valor a Música Sacra, os instrumentos valiosos que albergan os nosos templos e os templos en si mesmos; feitos que contribúen a elevar o nivel cultural desta cidade.

  Este concerto marca para o Orfeón Lucense un cambio na súa dirección. O ata agora director titular, Marcos Fernández Mosquera, cesa como tal a petición propia por motivos persoais e toma o relevo Sara Pérez Cruz, Sara Nebra, soprano que está na nosa agrupación desde o tempo en que existía a Escolanía anexa ao Orfeón. Formarán parte do seu equipo Abraham Sánchez Pujante, Director do Departamento de Música Litúrxica da Diócese e Lupe Enríquez Parga.

  É de xustiza agradecer a Marcos Fernández Mosquera a súa adicación ao coro durante máis de trinta anos, primeiro como cantor e nos doce últimos como director. Nesta etapa de crecemento transmitiunos a súa paixón e gusto pola música vocal, tanto profana como sacra, elevando as interpretacións do Orfeón a un moi bo nivel para un coro non profesional. Alegrámonos de seguir contando con el como cantor e como compañeiro ao tempo que lle desexamos felicidade e desfrute nesta nova andadura. 

  Acompañamos o programa completo que se interpretou nesta VII edición da Noite Coral.




luns, 30 de xuño de 2025

Misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia 2025

      O pasado 23 de xuño a Xunta recoñeceu mediante decreto a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial, noticia que nos aleda profundamente pola posta en valor deste histórico evento que conta con máis de tres séculos de tradición.

    Foi no século XVII, no reinado de Filipe III, cando se iniciou o primeiro trámite desta tradición, pero é desde o ano 1925 cando os alcaldes das sete cidades que conforman o Antigo Reino de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui) fan por turno rotatorio unha ofrenda o domingo seguinte ao Corpus durante a celebración dunha misa solemne na Catedral de Santa María.

   A Ofrenda tén unha longa historia, xa tratada noutro post deste blog, que enlazamos aquí. Na actualidade é simbólica e consiste nun cheque que o oferente fai entregar ao cabildo catedralicio despois do evanxeo.

    Este ano correspondeulle ofrendar á cidade de Betanzos, representada pola súa alcaldesa María Barral Varela, que expresou con vehemencia e enerxía as súas inquedanzas e peticións ao Santísimo no nome das sete capitais do Reino. Considera unha honra "dar voz a unha Galicia inclusiva, diversa, plural e aberta a todos os idearios" na que os seus homes e mulleres saen para esforzarse e traballar por conquerir un futuro mellor e para os que pide forza e ilusión para continuar e vencer as dificultades. 

    Pediu pola paz no mundo, pola conservación da terra que habitamos, polas mulleres que sofren violencia, terror, medo e humillación, para as que implorou protección e o fin do seu suplicio e desigualdade.

    Lembrou a Paula Alvarellos, a alcaldesa falecida inesperadamente neste ano, á que puxo como exemplo de servizo e compromiso coa súa xente. Finalizou facendo alusión á necesidade de que as administracións traballen xuntas en beneficio dos cidadáns, rebaixando a tensión e deixando a un lado a confrontación.

    Respondeulle o Arcebispo de Santiago de Compostela, D. Francisco Prieto, quen invitou a reavivar a esperanza fronte á violencia, as guerras, as desigualdades e a emigración; a denunciar as circunstancias que van contra a dignidade do home e a recoñecer a Cristo no rostro do irmán, xa que a "Caridade é acompañar, abrir portas, ofrecer posibilidades que permitan vivir con xustiza e dignidade"

    Nesta ocasión o Orfeón estivo dirixido por Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e Andrés Gutiérrez e xuntos interpretaron o seguinte repertorio:

  • Aledémonos. J. Castiñeira.
  • Señor ten piedade. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Amósame Señor. Salmo.
  • Alleluia dit irlandais. J. P. Lécot.
  • Deus do Universo. L. Olano.
  • Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Eucaristía. Taizé / Fdez. León.
  • Non vou só. I. G. Ramos.
    Rematada a misa solemne, a carroza do Santísimo seguida das autoridades civís e eclesiásticas e un bo número de cidadáns saiu en procesión polas rúas do centro histórico. A climatoloxía propiciou o acto cun día ben solleiro, circunstancia que aproveitou o Orfeón para desprazarse sobre a muralla e entoar ao paso da procesión  o himno "Cantemos al Amor", de I. B. Sagastizábal.

    Así rematou esta xornada festiva e histórica, a primeira que se celebra sendo a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia un Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial.

    Adxuntamos unhas imaxes desta data, as dúas primeiras tomadas da páxina web da Diócese de Lugo.








    


    

    

    

luns, 23 de xuño de 2025

Misa de Corpus Christi 2025

    O pasado domingo, día 22 de xuño, celebrouse na Catedral de Santa María a solemnidade do Corpus Christi. 

  Como vén sendo habitual nos últimos anos esta cerimonia, ademais da relevancia relioxiosa propia da data, adquire unha especial notoriedade e vistosidade, pois o Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera, comparte o acompañamento musical da misa coa Banda Filarmónica, dirixida por Iván Martínez Sabio; cos órganos catedralicios, con D. Luís Varela Castiñeira como organista e Mestre de Capela da Catedral e coa agrupación folklórica Os Xílgaros e o seu gaiteiro Óscar Pérez.

  A celebración deu comezo ás 11:00 cunha interpretación de dito gaiteiro que acompañou a entrada das autoridades eclesiásticas no altar maior, tras a cal se iniciaron os solemnes oficios presididos polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco e conducidos por D. David Varela.

  O prelado na homilía, despois de exhortar aos fieis á reafirmación na fe e no amor, salientou a necesidade de contrapoñer a Paz ao ambiente de guerra e egoísmo imperante na actualidade; Paz, segundo dixo, á que podemos contribuir cada un de nós individualmente comezando na nosa contorna.    

  O repertorio interpretado polo Orfeón nesta ocasión foi o seguinte:

  • O pan do ceo. X. Portas Ferro / Isauro G. Ramos. (1)
  • Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Gloria. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Alleluia dit irlandais. L. Deiss. (1)
  • Ave verum. J. P. Lécot. (1)
  • Santo. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Pescador de hombres. C. Gabaráin / B. Corona. (1)
  • Jesus bleivet meine Freude. J. S. Bach. (2)
  • Virxe dos Ollos Grandes. I. Martínez Sabio. (2)
(1) Acompañados ao órgano por Luís V. Castiñeira.
(2) Acompañados pola Banda Filarmónica dirixida por Iván M. Sabio.

  Por último tivo lugar a procesión do Santísimo que se iniciou no interior da sé aos acordes dunha marcha composta polo director da Banda Filarmónica, Iván Martínez Sabio, titulada Virxe dos Ollos Grandes, que o Orfeón estreou neste acto.

  Despois do percorrido polo centro histórico nun día climatoloxicamente soleado, que favoreceu a asistencia de fieis, regresou a comitiva á Catedral; e cos últimos cantos de adoración ao Santísimo deuse por concluída esta solemne xornada.

 A continuación acompañamos imaxes deste acto, tomadas da páxina web da  Diócese de Lugo.








    


    

mércores, 18 de xuño de 2025

Actuación en el Festival Internacional de Órgano del Corpus Christi 2025

    O pasado luns, 16 de xuño, tivemos a honra de actuar no segundo concerto do Festival de Órgano do Corpus Christi, protagonizado por Stanislav Surin, organista da Catedral de Bratislava.

 Preparamos con especial adicación e meticulosidade esta actuación pola  complexidade vocal dalgunhas das obras interpretadas e polo privilexio que supón ser acompañados por un organista de talla internacional como é o caso do mestre Surin.

   Tras os exercicios previos e cunha numerosa asistencia de público, ás 21:00 situámonos no coro da Catedral coa emoción  propia dun estreo, dispostos a ser conducidos por Marcos Fernández Mosquera, director habitual do Orfeón Lucense.

  O programa, variado e atractivo, estivo composto por obras vocais e instrumentais de compositores pertencentes aos séculos XVI ao XXI, cunha pequena homenaxe a Giovanni Pierluigi da Palestrina no  cincocentos aniversario do seu nacemento.

    O repertorio interpretado pola nosa agrupación coral foi o seguinte:

    - Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina.

    - Ave Maria. T. L. de Victoria.

    - Quaerite primun regnum. W. A. Mozart.

    - Ave verum corpus. W. A. Mozart.

    - Miserere. G. Donizatti:
            Domine labia mea.
            Sacrificium Deo.
            Tunc acceptabis.

    - Nunc dimittis. C. Villiers Stanford. 
       Dirección: Lupe Enríquez.

    - Ave Maria. S. Surin.
       Soprano: Sara Pérez Cruz.

    - Sicut lilium inter spinas. M. Raczynski.

    - Cantate Domino. A. Gretchaninov.

    Rematado o recital, organista e coro desprazámonos ata o altar do Bo Xesús para agradecer os aplausos do público que seguiu o concerto desde dito lugar.

    A continuación pode verse o programa completo deste acto. 




    



        



    

    

domingo, 8 de xuño de 2025

Preparados para o XI Festival Internacional de Órgano

    Falta ben pouco para que dé comezo o XI Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi que xa é unha respectada e celebrada tradición na cidade de Lugo, na que se trata de salientar a beleza e grandiosidade da música para este instrumento e a gran calidade sonora dos órganos da nosa Catedral.

    O Orfeón Lucense aceptou a invitación e participará ofrecendo un repertorio complexo e fermoso que brindaremos encantados aos nosos seareiros o vindeiro luns, 16 de xuño, na Catedral de Sta. María, compartindo o concerto que protagonizará Stanislav Surin, organista da catedral de Bratislava (Eslovaquia).

    Estamos moi ledos por formar parte deste evento e convidamos aos lucenses a asistir a todos os magníficos concertos desta edición.

    Na imaxe unha reseña do xornal El Progreso do 5/06/2025 na que aparece Stanislav Surin ao órgano xunto co resumo das actuacións que conformarán  o Festival deste ano.







martes, 22 de abril de 2025

Domingo de Pascua 2025

     A Semana Santa culmina coa celebración do Domingo de Pascua. A cerimonia, presidida polo prelado da diócese, estivo precedida pola procesión do Santo Encontro de Xesús coa Virxe María, tras a cal deu comezo a misa.

    O Orfeón, dirixido por Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez, interpretou o seguinte repertorio:

  • Cantemos al amor. I. B. de Sagastizábal.
  • Misa Pascual. J. Castiñeira.
  • Este es el día en que actuó el Señor. Salmo.
  • Alleluia dit irlandais.  F. O´Carroll / L. Deiss.
  • O salutaris. L. Perosi.
  • Nós tamén imos resucitar. X. Portas Ferro.
  • Ave verum. J. P.Lécot.
  • Reina del cielo. J. Castiñeira.
    Con esta actuación rematamos a Semana Santa, un dos períodos máis intensos da actividade do Orfeón, que este ano contou coa colaboración de persoas moi queridas deste colectivo, Silvia Nadela e Nemesio Gutiérrez, e a presencia sempre estimada de Carlos Rodríguez; que sabemos que sempre están aí, aínda que sexa na distancia.

    Acompañamos unha fermosa imaxe da Catedral neste día co Orfeón ao fondo, tomada da web da Diócese de Lugo.





    

    
    

luns, 21 de abril de 2025

Semana Santa 2025

    Os días centrais da Semana Santa, Xoves, Venres e Sábado, adquiren un atractivo especial tanto para os asistentes como para o Orfeón, pois ao significado relixioso engádeselle a vistosidade das procesións e dos cantos e ritos propios da celebración. 

    Todos os actos estiveron presididos polo bispo da sé, Monseñor Carrasco Rouco, quen concelebrou cos coengos e auxiliares habituais en todas as solemnidades.

    Contamos no altar coa colaboración nesta Semana dun querido amigo da nosa coral, Carlos Rodríguez Otero, que habitualmente reside no Reino Unido, pero do que desfrutamos cada vez que vén. Del reproducimos no enlace unha entrevista realizada por María José Campo López-Barcia, directora de Comunicación da Diócese de Lugo, na que explica a súa traxectoria como músico e a súa querencia pola Catedral, polo Orfeón e por esta cidade.

    Ademais na celebración do Venres Santo contamos coa presenza como cantores de dúas persoas moi estimadas vencelladas ó coro: Silvia Nadela Villarino, que por mor do seu traballo reside lonxe de Galicia, e Nemesio Gutiérrez, antigo director do Orfeón.

    O acompañamento ao órgano nos oficios do Xoves Santo correu a cargo de Nemesio e Andrés Gutiérrez e o Sábado de Gloria a cargo de Luís Varela Castiñeira, Prefecto de Música da Catedral.

    Os repertorios interpretados nestas tres solemnidades, dirixidos por Marcos Fernández Mosquera, foron os seguintes;

    Xoves Santo:

  • Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  • Kyrie en Ré Majeur. J. P. Lécot.
  • Gloria de Lourdes. J. P. Lécot.
  • El cáliz que bendecimos. Salmo.
  • Interleccional. J. Castiñeira.
  • Jesús, el Señor. J. Castiñeira.
  • Donde hay caridad y amor. J. Madurga.
  • Sacrificium Deo. Miserere. G. Donizetti.
  • Sanctus de Lourdes. J. P. Lécot.
  • Agnus Dei. Messe peuples de la terre. J. P. Lécot.
  • Eucaristía. Taizé / A. Fdez León.
  • In Monte Olivetti. J. Naujalis.
  • Pange lingua. Gregoriano.
  • Alabado sea el Santísimo. Popular.
  • Genitori - Tantum ergo. Gregoriano.
    Venres Santo:
  • Padre, a tus manos. Salmo.
  • Cristo por nosotros se sometió. F. Palazón.
  • Pasión según San Juan. J. Castiñeira.
  • Mirad el árbol de la Cruz. 
  • Adoramuste, Christe. Th. Dubois.
  • Comiendo del mismo pan. J. Madurga.
  • Tradiderunt me. T. L. de Victoria.
    Sábado Santo:
  • Gloria. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  • Alleluia. Messe de Saint Jean. M. Hagemann.
  • Jesu, dulcis memoria. S. B. del Claraval. Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina.
  • Santo. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  • Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  • Yo soy el pan de vida. S. Toolan.
  • Anima Christi. M. Frisina.
    Ao remate dos oficios da Vixilia do Sábado de Gloria fomos convidados a un ágape na sancristía da Catedral, momento que aproveitamos para felicitarnos a Pascua.

    Acompañamos unhas imaxes do Orfeón Lucense nestas actuacións, a primeira delas tomada da web da Diócese de Lugo.