luns, 29 de setembro de 2025

II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades

    Facémonos eco da convocatoria da II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades feita polo Orfeón Lucense, a Diócese de Lugo e a Catedral Lucense para "premiar persoas ou institucións que pola súa traxectoria, disposición e entrega se distingan no seu labor humanístico, nas Artes ou nas Letras a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo de traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome".

    Enlazamos de seguido o texto íntegro da convocatoria:


Convocada a II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades

O Orfeón Lucense, xunto coa Diocese de Lugo e a Catedral Lucense, veñen de convocar a II edición do PREMIO JOSÉ CASTIÑEIRA DE HUMANIDADES, para premiar persoas ou institucións que, pola súa traxectoria, disposición e entrega, se distingan no seu labor humanístico, nas artes ou nas letras, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo do traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome.

O premio, sen dotación económica, consistirá nunha placa que deixe constancia do nomeamento, e será entregado nun acto público e solemne, a celebrar o último domingo de outubro no Claustro da Catedral de Lugo, inmediatamente despois da celebración relixiosa do cabodano do P. Castiñeira, e antes da ofrenda floral que tradicionalmente se celebra diante da súa tumba.

O xurado estará formado por representantes das tres institucións convocantes, podendo incorporar a persoas de recoñecido prestixio da sociedade lucense e galega.

A este premio poden presentar propostas, con exposición razoada dos méritos de cada candidato/a, as asociacións culturais, entidades oficiais ou privadas, os particulares que o desexen, e os membros do xurado, ata o próximo 16 de outubro, enviándoas ao correo info@orfeonlucense.com, ou entregándoas persoalmente no Pazo Bispal de Lugo.


    

luns, 8 de setembro de 2025

Comezamos!

     Estamos poñendo todo a punto para comezar con novos proxectos e ánimos renovados, sen perder de vista o noso cometido de sempre como coro titular da Catedral de Lugo.

    Os ensaios empezarán o día 12 de setembro nos lugares e horas habituais: os martes no salón parroquial de San Froilán, Praza do Ferrol nº 14 e os venres no local do Orfeón, Rúa do Cruzamento nº 5; en ambos casos ás 19:30 h.

    Se che gusta cantar e estás interesado ou interesada en pertencer a un coro destas características non dubides en achegarte. Faráseche unha pequena proba inicial para ubicarte na voz que che corresponda pola túa tesitura e... a traballar e desfrutar do pracer de cantar xuntos!

    Agardámoste!!!