Este venres cúmprese un cuarto de século da morte física de don José
Castiñeira Pardo, un lucense da Igrexa e da Música, que deixou memoria
inesquecible en todos os que o coñecemos e tratamos.
Era un crego especial e, naqueles lonxanos setenta, os mozos elixíamos o confesonario de don José na Catedral porque sabiamos que alí había alguén que nos agardaba, escoitaba e comprendía.
Castiñeira, cando daba a man, parecía que era para deixarche a súa ou para
levarche a túa, tal era a firmeza da apreta garimosa, sincera.
Un podía atoparse con Castiñeira levando os fillos á clase de música ás
Josefinas, presentando un concerto, falando de música, ou saudándoo ao
pasar pola rúa onde andaba en loor de multitude, que en Lugo don José era
único en colleitar relacións de amizade.
A falta de ter cantado nalgún dos coros que dirixíu, teño a honra de
presidir o Orfeón Lucense que el refundou hai máis de tres décadas, e no
que deixou unha pegada que hoxe sigue perenne nos máis veteranos da
agrupación. Pero un pode atopar discípulos –e polo tanto, fervorosos
devotos- de don José na alcaldía de Lalín, na presidencia da Fecoga, na
dirección da banda de gaitas da Deputación de Ourense, ou en Nemesio
Gutiérrez, tantos anos director do noso Orfeón.
E como hai xa vintecinco anos do seu pasamento, este venres, na Catedral,
ímonos atopar de novo con el. O que teña interese en ver como se conserva,
que veña por alí a partir das oito do serán. Verá que segue sendo un mozo,
porque sigue vivindo en todos nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario