luns, 23 de abril de 2018

"Xesús Mato, medalla Castelao", por Xulio Xiz

O Orfeón Lucense, querendo que se recoñecese publicamente o labor do seu Director emérito, Xesús Mato, pediulle ao seu concello natal de Paradela, que o ten declarado Fillo Predilecto, que solicitase da Xunta de Galicia que lle fose concedida unha das Medallas Castelao deste ano.
O pleno do Concello de Paradela, acordou por unanimidade pedirlle á Xunta esa medalla para Xesús Mato, e desde entón non pararon de chegar ao Concello escritos de apoio de particulares e institucións, sendo xa varios centos as adhesións recibidas. 
O nome de Xesús Mato está xa na nosa historia, pola súa limpa e fonda traxectoria en diversos eidos da vida de Galicia. 
Como musicólogo, investigador e espallador da nosa música, creou coros xuvenís ao comezo dos anos setenta, e deses grupos naceu –el foi o promotor- o mítico grupo Fuxan os ventos, que en 1972 gañou un festival da canción en Mondoñedo (con letra e música de Mato), e conseguíu que os galegos amásemos a nosa música e que as cancions en galego invadisen Galicia. Mato é a alma mater de “Galicia canta ao neno”, que percorreu Galicia cun cento de actuacións de cantos do Nadal no rural onde foran gardados con agarimo durante séculos. E inspirou a aparición do Grupo A Quenlla, sendo o pai musical de persoeiros como Mini e Mero, que tanto dignificaron a canción popular deste país. Foi tamén Director do Orfeón Lucense.
Como xornalista, foi Delegado de Medios da Diocese e redactor e asesor de Radio Popular. Como activista social, foi abandeirado de Auxilia Lugo, a entidade que fixo visibles aos minusválidos da capital e provincia, e que catro décadas despois segue a ter una actividade que sabemos imprescindible.
 Por fin, como crego, na súa primeira parroquia de Lalín impulsou a construción de vivendas para xente necesitada, e despois dunha intensa etapa lucense, retirouse á montaña lucense onde serviu media ducia de parroquias difíciles, ailladas, durante un cuarto de século.
Agora, con 85 anos, vive en Portomarín, dedicado á súa familia, aos amigos, e oficiando a diario a Misa do Peregrino. A Medalla Castelao honrarase, e honrará a memoria de quen toma o nome, se a recibe Xesús Mato.

Artigo de Xulio Xiz en Galicia Dixital (23.04.2018) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario