domingo, 30 de xuño de 2024

Preparando a VI Noite Coral

   Falta unha semana para que por sexta vez os lugares máis emblemáticos do casco histórico vibren cos cantos dos coros de Lugo.

  A VI Noite Coral Lucense está en preparación desde hai un tempo e será o domingo, día 7 de xullo, cando se poña en escea. 

  Por este orde, Orfeón Lucense, Sólo Voces, Carminis Habitus e Concentus Lucensis  actuarán na Igrexa de San Pedro, San Froilán, Santiago a Nova e Círculo das Artes; respectivamente. A eles unirase o Gruppo Vocale San Bernardo para interpretar na Catedral o Magnificat en Sib Maior de Francesco Durante (1684-1755) acompañados polo Concentus Instrumentalis Lucensis. 

   Merece a pena adicar esta velada a escoitar todo o circuito de concertos sucesivos que comezará ás 20:30 na Igrexa de San Pedro e finalizará na Sé de Santa María.

   Agardamos a vosa presenza! 

   Pica aquí aquí para ver o programa completo.





   


luns, 10 de xuño de 2024

Misa da Ofrenda 2024

   O domingo seguinte á celebración do Corpus o alcalde dunha das sete cidades do Antigo Reino de Galicia presenta a ofrenda ao Santísimo na Catedral de Lugo como acto central dunha misa solemne presidida polo prelado dunha das dióceses galegas.

 Os antecedentes da Ofrenda remóntanse ao século XVII. Foi no 1618, no reinado de Filipe III, cando o cabildo catedralicio pediu axuda ao rei para conquerir maior relevancia do culto ao Santísimo na Catedral.

 A esta petición seguiu outra solicitude de axuda económica feita polo coengo maxistral, Juan Velo, á Xunta do Reino de Galicia no 1666 e outra feita ás sete cidades do Antigo Reino no 1668 co mesmo fin.

  No 1669 a Xunta do Antigo Reino fixa unha asignación suficiente para manter acesas catro velas día e noite e fai o encargo de celebrar unha misa con procesión "pola exaltación da fe, saúde das Súas Maxestades e bos feitos e prosperidade do Reino".

 Desde 1925 o alcalde dunha das sete cidades (A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Betanzos e Tui) agasalla un simbólico tributo monetario nun cheque que é entregada ao cabildo. O oferente pronuncia un parlamento que é contestado polo bispo da súa diócese.

  Previamente a cada ofrenda tén lugar unha recepción no Concello, desde onde se trasladan a pé as autoridades ata a Catedral e alí desenvólvese a celebración relixiosa.

 Este ano presidiu a cerimonia o prelado da diócese de Mondoñedo-Ferrol, D. Fernando García Cadiñanos e contou coa asistencia dos bispos galegos e o de Astorga ademais dos  coengos habituais da Catedral, así como das autoridades civis e militares.

 Tras os acordes do Himno do Antigo Reino de Galcia interpretado á gaita por Óscar Pérez e acompañado ao órgano polo Prefecto de Música da sé, D. Luis Varela Castiñeira, deu comezo a misa. 

 Despois da lectura do evanxeo o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Legide, presentou a ofrenda ao Santísimo, na que propuxo o diálogo e a paz como medio para conquerir a cohesión social e a memoria colectiva. Respostoulle o bispo da súa diócese que salientou a importancia do vínculo que une as sete cidades galegas, cuxa pluralidade constitúe unha grande riqueza á vez que é símbolo de unidade.

  O Orfeón dirixido por Marcos Fdez. Mosquera e acompañado ao órgano por D. Luís Varela Castiñeira, interpretou nesta ocasión o seguinte repertorio:

  Aledémonos. J. Castiñeira.
  - Señor ten piedade. Misa galega. J. Castiñeira.
  - Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.
  - Amósame, Señor. Salmo. A. Fdez León.
  - Aleluia dos irlandeses. J. P. Lécot.
  - Velaquí, Señor, o viño. F. Diéguez.
  - Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.
  - Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira.
  - Eucaristía. Taizé / Fdez León.
  - Non vou só. I. G. Ramos.
  - Cantemos al Amor. J. I. B de Sagastizábal.% 
  - Pange lingua. Gregoriano.
  - Alabado sea el Santísimo. Tradicional.

 Finalizada a misa tivo lugar a procesión polas rúas máis céntricas do casco histórico.

 Abaixo dúas instantáneas desta celebración tomadas no coro da Catedral.





  

  




luns, 3 de xuño de 2024

Misa de Corpus Christi 2024

   O tempo permitiu que puidéramos congregarnos na Praza de Santa María para celebrar o Corpus Christi. 

  Alí ás once da mañá, coa praza lastrada de sillas e paraugas brancos para guarecerse do calor, foron dándose cita fieis, nenos de primeira comuñón, músicos cos seus instrumentos e cantores, cadaquén nos seus lugares de emprazamento.

   Despois dun ensaio breve para ensinar aos asistentes algunhas das melodías nas que irían participar, deu comezo a cerimonia presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, e concelebrada por varios sacerdotes.

   Situados na parte dereita da praza, mirando cara ao Pazo Episcopal, ubicouse o Coro do Hospital, o Orfeón Lucense dirixidos por Fernando Gómez Jácome e Abraham Sánchez Pujante, respectivamente  e a Banda Filarmónica dirixida por Iván Martínez Sabio; que conxunta ou individualmente interpretaron o seguinte repertorio:

   - Con Ledicia vimos. A. Fdez León.

   - Señor, ten piedad. Misa Solemne. J. Castiñeira. Arr. U. Domínguez.

   - Gloria. Misa Solemne. J. Castiñeira. Arr. U. Domínguez.

   - El cáliz que bendecimos. Salmo.

   - Alleluia. I. G. Ramos.

   - Santo. Misa Solemne. J. Castiñeira. Arr. U. Domínguez.

   - Cordero de Dios. Misa Solemne. J. Castiñeira. Arr. U. Domínguez.

   - Pescador de hombres. B. Corona.

   - Eucaristía. Taizé/ Fdez. León.

   Rematada a misa saiu a procesión polas rúas máis céntricas do casco histórico acompañada pola Banda Filarmónica e co fondo dun intenso repenique das campás da Catedral.

   Xa de volta na praza, tiveron lugar os últimos rezos e deuse por finalizada a celebración.

   Na imaxe unha instantánea deste acto.






   

sábado, 1 de xuño de 2024

Actuación no X Festival Internacional de Órgano

   Onte tivemos o privilexio de participar no X Festival Internacional de Órgano no seu concerto inaugural.

   Compartimos cartel co organista italiano Eugenio Maria Fagiani, que interpretou un interesante repertorio variado e atractivo  do século XVII ao XX.

   O Orfeón ofreceu unha fermosa selección  de pezas sacras compostas entre os séculos XIX e XXI, algunhas a capela e outras acompañadas polo mestre organista. Velaquí o programa:

   Johann Sebastian Bach (1685-1750)
   Fantasia, BWV 572
   Para órgano

   Felix Mendelssohn (1809-1847)
   Allein Gott In der Höh sei Ehr 
   Frauta: Abraham Sánchez Pujante
   Clarinete: Lupe Enríquez Parga

   Niels Wilhelm Gade (1817-1890)
   Morgengesang 

   Padre Davide da Bergamo (1791-1863)
   Elevazione con tromba obbligata
   Para órgano

   Johannes Brahms (1833-1897)
   Geistliches Lied 

   Giacomo Puccini (1858-1924)
   Requiem
   Viola: Nuria Fernández Álvarez

   Giovanni Morandi (1777-1856)
   Offertorio in fa minore
   Para órgano

   Jouzas Naujalis (1869-1934)
   In monte oliveti 

   Jose Castiñeira Pardo (1928-1989)
   Magnificat 

   Urmas Sisask (1960-2022)
   Heliseb väljadel
   Soprano: Sara Nebra

   Marco Enrico Bossi (1861-1925)
   - Intermezzo lirico
   - Scherzo (da “Sinfonia Tematica”)
   Para órgano

   Camille Saint-Saëns (1835-1921)
   Tollite Hostias

   Preparamos este concerto con moito cariño, agrado e especial emoción, pois a selección de obras interpretada conseguiu atraparnos e emocionarnos desde o principio pola súa beleza.

  Agradecemos a todas e todos os nosos seareiros a súa asistencia e todas as mostras de afecto e ánimo que recibimos despois do concerto e que nos dan forza para seguir.

  Ata o día 9 proseguirán interesantes actuacións que poden consultarse neste programa completo do Festival.

 Enlazamos aquí o vídeo dunha das pezas interpretadas no concerto, Morgengesang de Niels Wilhelm Gade, fermosa montaxe que agradecemos a Marco Antonio López Grande.