luns, 25 de novembro de 2024

Misa de Santa Icía 2024

    O pasado sábado, 23 de novembro, os coros de Lugo déronse cita na Catedral para celebrar a festividade de Santa Icía, patroa da Música e dos músicos.

 Este ano algunhas agrupacións non puideron estar presentes por incompatibilidade das súas axendas; pero, Cantar Delas, Coral Amigos do Camiño, Coral Xolda, Coro do Hospital, Coro San Francisco Javier, Ecos do Miño Astelu e Orfeón Lucense participaron cantando as diferentes partes da misa celebrada por D. Luís Varela Castiñeira, coengo prefecto de Música da sé.

  O celebrante, ademais de glosar a figura de Santa Icía, tivo unha alusión emotiva a todos os avós e avoas como transmisores das primeiras melodías aos seus netos e netas desde o berce e á importancia que tén este feito na vida das persoas e na propia pervivencia da Música.

   A intervención que correspondeu ao Orfeón, dirixido por Marcos Fdez. Mosquera, foi a seguinte:

   - Agnus Dei. Messe Peuples de la Terre. J. P. Lécot.

      Solista: Karolina Stachnik.

   - Anima Christi. M. Frisina.

   Finalmente, é de destacar o positivo destas xuntanzas por seren un nexo de unión e unha proba, ao mesmo tempo, da boa relación e a cooperación que existe entre as diversas corais da cidade, que, seguro, vai continuar por moito tempo. 

   Enlazamos de seguido o cartel deste evento.