luns, 27 de outubro de 2014

Don José Castiñeira

Este venres cúmprese un cuarto de século da morte física de don José Castiñeira Pardo, un lucense da Igrexa e da Música, que deixou memoria inesquecible en todos os que o coñecemos e tratamos. 

Era un crego especial e, naqueles lonxanos setenta, os mozos elixíamos o confesonario de don José na Catedral porque sabiamos que alí había alguén que nos agardaba, escoitaba e comprendía. 


Castiñeira, cando daba a man, parecía que era para deixarche a súa ou para levarche a túa, tal era a firmeza da apreta garimosa, sincera.

Un podía atoparse con Castiñeira levando os fillos á clase de música ás Josefinas, presentando un concerto, falando de música, ou saudándoo ao pasar pola rúa onde andaba en loor de multitude, que en Lugo don José era único en colleitar relacións de amizade.

A falta de ter cantado nalgún dos coros que dirixíu, teño a honra de presidir o Orfeón Lucense que el refundou hai máis de tres décadas, e no que deixou unha pegada que hoxe sigue perenne nos máis veteranos da agrupación. Pero un pode atopar discípulos –e polo tanto, fervorosos devotos- de don José na alcaldía de Lalín, na presidencia da Fecoga, na dirección da banda de gaitas da Deputación de Ourense, ou en Nemesio Gutiérrez, tantos anos director do noso Orfeón.

E como hai xa vintecinco anos do seu pasamento, este venres, na Catedral, ímonos atopar de novo con el. O que teña interese en ver como se conserva, que veña por alí a partir das oito do serán. Verá que segue sendo un mozo, porque sigue vivindo en todos nós.


(artigo publicado por Xulio Xiz, Presidente do Ofeón Lucense, en La Voz de Galicia)

domingo, 19 de outubro de 2014

luns, 6 de outubro de 2014

Misa en latín

Como é tradicional nas festas en honra de San Froilán, patrono de Lugo, o Orfeón Lucense cantará na misa en latín que se celebrará na parroquial de San Pedro a partir das 12'00 o próximo domingo, 12 de outubro.
As pezas que se interpretarán durante o oficio relixioso serán as seguintes:

Alleluia, de Josquin des Prés.
Kyrie, Gloria, Sanctus da Missa Brevis Sancti Joannis de Deo, de Haydn.
Alleluia, de Mozart.
Ave Maria (atribuída a) Tomás Luis de Victoria.
Ave verum, de Gounod.
Canticorum Jubilo, de G.F. Händel.

venres, 19 de setembro de 2014

Misa solemne e ofrenda a San Froilán

O próximo 5 de Outubro, día de San Froilán, o Orfeón Lucense cantará na misa solemne e ofrenda ao Patrón de Lugo que se celebrará a partir das 12'00 horas no Altar Maior da Catedral.

O repertorio será o seguinte:

Entrada: Himno a San Froilán, de  José Molejón. 
Misa Galega, de José Castiñeira
Señor, ten piedade
Gloria
Santo
Año de Deus 
Segunda Lectura: Alleluya (do motete "Exultate jubilate" K165)  de Mozart. 
Ofertorio: Qui, presso a Te de Mozart (atribuído) 
Comuñón: Quédate, Señor, connosco 
                  O Pan do Ceo, de X. Portas Ferro
                 

martes, 29 de xullo de 2014

Reseña

en Noticieiro Galego (29.07.2014)

Orfeón Lucense

Orfeón Lucense
O Orfeón Lucense, tal e como o coñecemos hoxe, foi fundado en 1982 por D. Xosé Castiñeira, sacerdote e mestre de capela da Catedral de Lugo. Sen embargo, tres anos antes, Xoán Montes Capón, coa mesma profesión que o anterior, foi o que deu orixe á coral. Mantendo sempre unha intención relixiosa, o seu obxectivo era dignificar e aumentar a vistosidade da liturxia e o culto nas cerimonias en dito templo.
Trinta e dous anos despois continúa a ser o coro oficial da Basílica lucense, o que explica a importancia da música relixiosa no seu repertorio, porén, coma a maioría das corais, nunca deixou de interpretar pezas da música profana.
Unha longa traxectoria que deu lugar a varios directores e decenas de integrantes que constituíron o recoñecemento que acada a día de hoxe a coral. Isto demóstrase coas continuas actuacións que levan a cabo por toda a comunidade galega e, en tempos mellores economicamente, tamén, polas diferentes localidades de Asturias, Madrid e Portugal.
Directores
Ó longo da súa traxectoria a coral estivo dirixida por catro magníficos directores. Xosé Castiñeira Pardo, como dixemos anteriormente, foi tanto fundador como director ata o 1989, ano do seu falecemento.
Nemesio Gutiérrez, alumno de Xosé, foi director durante case 20 anos, ata o 2008. Participou en numerosos encontros de corais, nacionais e internacionais, e en diversas ocasións realizou gravacións para a radio e para a Televisión de Lugo, a Televisión de Galicia e a Televisión Española.
A partir do 2009 chegou o sacerdote, musicólogo e escritor Xesús Mato Mato. Durante o seu directorio dedicouse a profundizar na investigación e canto da música sacra e, especialmente, na canción galega.
A día de hoxe o que leva a batuta e pon todo o seu empeño no Orfeón Lucense é Marcos Fernández Mosquera.
Orfeón LucenseIntegrantes
Actualmente a coral está integrada por 53 cantaores, dos que 27 son mulleres e 26 son homes. Segundo as súas voces distribúense en 13 sopranos, 14 contraltos, 14 tenores e 12 baixos. Todos eles son persoas adultas que aman a música e que teñen un interese especial polas corais que, en moitos casos, os fai participar durante décadas.
Unha cousa fundamental que diferencia ós integrantes dunhas e doutras agrupacións é o vestiario. No Orfeón Lucense prema a discreción a sobriedade, polo que os homes visten esmoquin e as mulleres vestido longo, ambas prendas de cor negro para evitar desviar a atención do auditorio do importante “a peza cantada, o acompañamento, a compenetración das voces e a harmonía”.
Repertorio
Debido ó seu carácter relixioso, é evidente que as pezas máis interpretadas sexan misas, oratorios, motetes, salmos, etc. Isto non significa que sexan sempre as mesmas, este ano incorporaron pezas máis complexas coma a Missa Brevis de Hydn ou composicións de Bruckner ou Mozart.
Cómpre mencionar que tiveron a oportunidade de gravar varios CD’s e que entre o 2000 e o 2006, o Orfeón Lucense organizou os Encontros Internacionais de Música Sacra, neles gravábanse as actuacións dos coros invitados e, por suposto, as do Orfeón.
Orfeón LucenseActuacións e momentos destacables
Nervios e máis nervios nos primeiros intres, esta é a sensación que invade a todos e a cada un dos membros do Orfeón en todas as actuacións, xa que por moito que pase o tempo, incluso os anos, seguen sentir o mesmo. Non obstante, cando o director ordena as primeiras notas o corpo reláxase o gozan do momento.
Centos de experiencias que viven ano tras ano e que recordan con agrado como, por exemplo, unha vez, cantando en Portugal, nunha igrexa en Viseu, saltaron os fusibles e foise a luz. O público seguiu á espera, moi formal pero, como a luz non daba volto, tiveron que cantar completamente ás escuras, até o punto de ter que cantar guiándose polo brillo dos puños brancos da camisa do director.
O mellor premio
O Orfeón Lucense non ten por costume concorrer a certames e concursos. Para eles o recoñecemento máis importante é o aprecio e o cariño do público que os acompaña en cada unha das actuacións.
Manter viva unha coral supón moitas dificultades, tanto económicas como organizativas, pero gracias a subvencións dos organismos oficiais como o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Consellaría de Cultura e outras institucións semellantes, e ó esforzo e dedicación dos integrantes a experiencia acadada é inigualable.
Para favorecer tanto á propia agrupación como a todos os seguidores e interesados, as actuacións e demais actividades do Orfeón publicítanse e danse a coñecer nos medios de comunicación (trípticos, prensa e radio) e en Internet (blog, páxina web e na páxina de Facebook do Orfeón Lucense).
Orfeón Lucense
Por: Celeste Sánchez

martes, 8 de abril de 2014

Novo prefecto de música

A catedral de Lugo volve ter prefecto de música



O sacerdote Luís Varela Castiñeira foi nomeado novo cóengo da catedral de Lugo, onde desempeñará o oficio de prefecto de música.
Segundo informou este martes o obispado, este posto estaba vacante desde 1989 e o seu anterior titular era José Castiñeira Pardo, precisamente tío do novo cóengo.
O nomeamento foille entregado este martes polo bispo, Afonso Carrasco Rouco, nun acto no que estiveron presentes o deán da catedral, Gonzalo Fraga Vázquez e o vigairo xeral da diocese e secretario do cabildo, Mario Vázquez.
Varela Castiñeira naceu en Lugo o 3 de xullo de 1981, é presbítero desde 2006 e ten a licenciatura en canto gregoriano, polo Pontificio Instituto Ambrosiano de Música Sacra de Milán, ademais dos estudos profesionais de piano.
Entre as ocupacións do cóengo prefecto de música están as de organizar todo o referente á parte musical, enriquecer e ordenar o seu arquivo; promover a participación do pobo no canto litúrxico; ensaiar ao cabildo, ao pobo e aos grupos musicais que hai na catedral.

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Unha descoñecida fotografía de Xoán Montes sae á luz

A imaxe de 1886 pertence ao arquivo de Alvarellos Editora e será exposta en febreiro no Museo de Pontevedra

FRAN P. LORENZO SANTIAGO   | 25.01.2014



 O arquivo gráfico de Alvarellos Editora segue a deparar sorpresas e achados importantes para a reconstrución do legado visual da Galicia do século XIX. O máis recente, unha fotografía do músico Xoán Montes e o seu Orfeón Lucense, datada en 1886. Aínda que non foi posíbel confirmar o lugar exacto no que foi tomada esta imaxe, probabelmente Lugo, a importancia histórica deste retrato inédito xustificará a súa exhibición na mostra Galicia, terra de músicos, que se inaugurará no edificio Sarmiento, do Museo de Pontevedra, o vindeiro 7 de febreiro, comisariada por Milagros Bará e Alejo Amoedo.
A fotografía chegou a mans de Enrique Alvarellos Iglesias (1931-2004) en 1990, cedida polo organista da Catedral de Lugo José Molejón Rañón. Naquela data, Alvarellos Iglesias preparaba unha publicación sobre conxuntos polifónios de Galicia, traballo que non chegou a concluír. O editor e xornalista Henrique Alvarellos volveu recuperala agora do arquivo deste selo editorial.

xoves, 26 de decembro de 2013

Reseña

O ESPERTADOR

Un frenético Nadal

26/12/2013 - Marta Becerra / El Progreso (Lugo)

O AFORO da igrexa de Santiago A Nova quedou curto para acoller aos varios centos de persoas que non se quixeron perder o concerto de Noiteboa, organizado pola asociación Lugo Monumental que preside Luís Latorre, con Noemi Mazoy como cabeza de cartel.
A soprano, que está a triunfar en Barcelona interpretando a unha das protagonistas do musical ‘Sorrisos e bágoas', estivo acompañada polo Orfeón Lucense, baixo a dirección de Marcos Fernández; o violinista Carlos Rodríguez; as pianistas Elena Udina e Conchi Seijas; o trompetista Maxim Khibovski, e os bailaríns de Ritmo Lugo.
O concerto foi benéfico. Os asistentes doaron alimentos para os necesitados. É digno tamén de destacar o altruísmo de Noemi Mazoy, que, desinteresadamente, desprazouse o mesmo martes desde Barcelona, ensaiou, actuou e, tras a cea familiar de Noiteboa, regresou de madrugada á Cidade Condal para cantar na representación de onte.

luns, 23 de decembro de 2013

Concerto en Taboada

Vídeo coa interpretación de Nació nació pastores no Centro Cultural de Taboada o 22 de decembro. Canta como solista Sissi López.

sábado, 21 de decembro de 2013

Concerto de Nadal


O Orfeón co seu director, Marcos Fernández Mosquera, e o violinista Carlos Rodríguez, ao final do Concerto de Nadal.
Os vídeos coas diferentes pezas interpretadas, aquí

venres, 29 de novembro de 2013

Proximamente


Actuaremos en cuarto lugar, co seguinte repertorio:

AVE VERUM CORPUS
 Compositor: CHARLES GOUNOD

 2ª GABRIEL´S OBOE (da película "A Misión")
 Compositor: ENNIO MORRICONE
 Arreglo: PAULO ROWLANDS

 3ª NACIÓ, NACIÓ PASTORES
 Compositor: AMADEO VIVES
 Solista: SILVIA NADELA VILARIÑO

xoves, 21 de novembro de 2013

Concerto solidario de corais




O Orfeón Lucense e a Coral Polifónica Hospital Xeral-Calde participan no Concerto solidario de corais a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro de Lugo. 
Será o 29 de novembro ás 20:30 h. no Auditorio Gustavo Freire. 

Prezo da entrada: 5€

 Outros coros participantes:
• Cantar Delas
• Conxunto Vocal LUGH
• Coral Polifónica Xolda
• Coro El Camino

luns, 14 de outubro de 2013

Misa medieval


Como en anos anteriores, tamén este acudiu o Orfeón Lucense á igrexa parroquial de San Pedro para cantar a misa en latín o último día das Festas de San Froilán.
En ausencia de Marcos Fernández, foi Lupe Enríquez Parga quen nos dirixiu no seguinte programa:
  • Crux fidelis (Venancio Fortunato, s. VI) 
  • Kyrie (Misa de Angelis) 
  • Zum Sanctus (Franz Schubert) 
  • O salutaris hostia (Perosi) 
  • Pater noster. 
  • Stabat Mater (Zoltán Kodaly)
  • Canticorum Jubilo.


sábado, 6 de xullo de 2013