Grijota é unha localidade de menos de 3.000 habitantes situada a 5 km. de Palencia. De alí recibimos unha invitación para facer un intercambio co coro Regina Angelorum e aceptamos gustosos. Así que o día 14 de decembro puxémonos en camiño.
Foi unha viaxe agradable e sen incidentes a destacar con chegada para o xantar e un tempo de descanso posterior ata a hora convida para reunirnos na igrexa da Santa Cruz.
É un templo grande do S. XVI situado na Praza Maior do pobo con elementos renacentistas e barrocos no que destaca un fermoso retablo dorado do S. XVII cunha gran escultura de Santa Elena e un órgano do S. XVIII decorado con motivos vexetais e animais que no verán é utilizado para concertos dentro das Rutas Palentinas do Órgano Barroco.
Despois de admirar o magnífico marco no que íamos cantar e comprobar a súa boa acústica, comezamos a preparación previa ao concerto.
A velada iniciouse,ante un templo repleto de público, con varias pezas de temática navideña a cargo da coral Regina Angelorum, dirixida por Mª Belén Cordón Pérez, continuando coa intervención do Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera co seguinte programa:
- Drop, drop, slow tears. O. Gibbons.
- Ecce novum gaudium. 17th century Scottish song books.
- Es ist ein ´Ros´entsprungen. M Praetorius.
- Eu hei-de m´ir ao presépio. M de Sampaio Riveiro.
- Natal de Elvas. M. de Sampaio Riveiro.
- Na noite máis fermosa. Adap. V. R. Abeijón.
- Noiteboa. J. Castiñeira.
- Ya viene la vieja. Trad. español. Harm.: A. Parker / R. Shaw.
- Señor, oye mi voz. A. Cuevas Castillo / D. Cuevas Sánchez.
- African Noël. Trad. africana. Adap. V . C. Johnson.
- Dime, Niño, de quién eres. Popular.
Rematada a audición, na que os espectadores participaron activamente, foille entregado a un representante da agrupación unha placa conmemorativa do noso paso por Grijota seguido dun ágape de confraternización, convidados xenerosamente polos nosos anfitrións.
Tocaba despedirnos, agradecidos pola boa acollida, e voltar ao hotel para o día seguinte facer unha visita guiada pola cidade de Palencia; cidade que sorprendeu a todos agradablemente por humanizada, fermosa, sobria e cun gran interese artístico e patrimonial, do que son boa mostra a catedral, a terceira máis grande de España, e o museo, así como diferentes edificios modernistas, esculturas, templos e outras construcións civís.
Enlazamos a continuación o programa de man do concerto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario