mércores, 12 de marzo de 2025

Funeral por Paula Alvarellos, exalcaldesa de Lugo

     Este luns. día 10 de marzo, o Orfeón Lucense estivo presente cos seus cantos no funeral institucional de Paula Alvarellos, que foi alcaldesa de Lugo ata a súa prematura e inesperada morte o día 1 deste mes.

   A misa estivo oficiada polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, e concelebrada por varios coengos. Actuou como condutor da cerimonia D. David Varela, Rector do Seminario, e contou coa presenza da familia da exalcaldesa en lugar preferente, da Corporación Municipal, autoridades civís, militares e eclesiásticas, así como numeroso público que enchía o templo en boa parte.

    O oficiante durante a homilía lembrou á finada que en tantas ocasións estivera presente nos oficios da catedral con motivo de distintas celebracións e festividades como persoa afable e entregada á súa cidade.

    O Orfeón, dirixido por Abraham Sánchez Pujante, director do departamento de Música Litúrxica da Diócese e acompañado ao órgano polo prefecto de Música, Luís Varela Castiñeira; interpretou o seguinte repertorio:

  • Kyrie en Re Majeur. J. P. Lécot.
  • El Señor es mi pastor. Salmo.
  • Interleccional. J. Castiñeira.
  • O salutaris. L. Perosi.
  • Santo de Lourdes. J. P. Lécot.
  • Agnus Dei. Messe peuples de la Terre. J. P. Lécot.
  • Yo soy el pan de vida. S. Toolan.
  • Más cerca, oh Dios. L. Mason.
    Nas imaxes, dúas instantáneas do acto tomadas das redes sociais do Concello de Lugo.






    

    

    

domingo, 9 de marzo de 2025

Concerto homenaxe a Manuel Gulín Rodríguez

    O pasado venres, día 7 de marzo, reunímonos no Salón de Actos da Delegación da Xunta de Galicia o Coro de Amigos do Camiño de Santiago en Lugo, dirixido por Esperanza Iglesias, e o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera,  para lembrar e homenaxear cos nosos cantos ao falecido membro de ambos coros e Xefe da Sección de Patrimonio Monumental, Manuel Gulín Rodríguez.

    Lembramos a Gulín como un home cunha voz ben timbrada de baixo, calado, amante da Música e do Canto, das viaxes, da fotografía, afeccionado á pintura,  defensor do Arte e da Cultura en xeral. cun sentido do humor moi característico que poñía de manifesto principalmente nas xuntanzas informais e que nos deixou hai perto de ano e medio.

    Con asistencia de autoridades locais, de compañeiros, familiares e amigos, deu comezo o concerto cunha breve introdución do noso Presidente, Xulio Xiz, que fixo unha semblanza do finado ao que o unía unha longa amizade.

    De seguido comezou o concerto coa actuación do Coro de Amigos do Camiño que interpretou catro composicións e outras tantas a nosa agrupación. Estas foron as seguintes:

  • Morgengesang. Niels Wilhelm Gade.
  • Gabriels oboe. Ennio Morricone. Arr. P. Rowlands.
  • O meu amor mariñeiro. Xosé L. Rivas. Arr. B. Blanco.
  • Bullerengue. José Antonio Rincón.

    A continuación o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, adicou unhas afectuosas palabras a Gulín e á súa familia, que foron contestadas pola filla do finado, quen agradeceu a todos e todas a súa presenza no acto.

  Rematadas estas intervencións, o noso presidente entregou un diploma conmemorativo do acto á súa viúva e Remedios Martínez obsequiouna cun ramo de flores en nome do Orfeón Lucense.

    Para finalizar, ambos coros interpretaron conxuntamente O voso  galo, comadre de M. Grobadirixidos por Esperanza Iglesias, peza á que foron convidados a cantar no estrado os familiares de Gulín e o público presente dende os seus asentos.

    Ata sempre, Manuel Gulín.



                                               Cartaz do concerto homenaxe

xoves, 2 de xaneiro de 2025

Nadal na rúa 2024

    Participamos no programa da Deputación Cantos de Nadal interpretando panxoliñas en catro emprazamentos do casco histórico para animar a rúa nestas datas.

    Este ano correspondeunos cantar na rúa San Pedro, rúa da Raíña, Praza Maior e Praza do Campo os días 27 e 30 de decembro ás 20 h. 

    O repertorio interpretado nestas actuacións foi o seguinte:

    - Drop, drop slow tears. O. Gibbons.

    - Ecce novum gaudium. 17th century Scottish song-books.
    
    - Es ist ein ´Ros´entsprungen. M. Praetorius.

    - Adeste fideles. J. Reading.

    - Eu hei-de m´ir ao presépio. M. de Sampaio Ribeiro.
    
    - Natal de Elvas. M. de Sampaio Ribeiro.

    - Na noite máis fermosa. Adap. V. R. Abeijón.

    - Noite boa. J. Castiñeira.

    - Señor, oye mi voz. A. Cuevas Castillo / D. Cuevas Sánchez.

    - Ya viene la vieja. Trad. español. Harm. A. Parker / R. Shaw.

    - Dime, Niño de quién eres. Popular.

    - African Noël. Trad. africana. Arr. V. C. Johnson.

    - O rama. Popular portuguesa. Arr. A. Martins.

    - Noche de Dios. F. X. Gruber. Arr. J. Castiñeira.


    Frauta: Abraham Sánchez Pujante.
    Darbuka: Lupe Enríquez Parga.


    Agradecemos a todas as persoas o feito de facer unha pausa nos seus tránsitos apresurados de compras ou nos paseos tranquilos aproveitando a bonanza climática para pararse a escoitar os cantos de Nadal. A iluminación especial desta época do ano, xunto coa música dos coros de Lugo contribúen, sen dúbida, a crear un ambiente máis fermoso e amable na cidade.

    Na imaxe un momento da actuación do Orfeón na Praza Maior.