Este domingo, 22 de novembro, celebramos cunha misa cantada polo Orfeón Lucense a festividade de Santa Icía, mártir cristiá que viviu nos séculos II e III, considerada actualmente patroa da Música e dos músicos.
Aínda que é incerta a orixe deste padroado, atribuído á mala tradución das Actas de Santa Cecilia, a crenza perviviu ao longo do tempo ata que no século XVI foi finalmente canonizada polo papa Gregorio XIII. Malia este inicio, Santa Icía foi fonte de inspiración constante para diversas artes, e así atopamos obras adicadas á Santa na pintura, na escultura, na arquitectura e tamén na música, ademais das manifestacións de carácter relixioso e devocional.
A misa conmemorativa deste ano foi oficiada no altar maior da Catedral de Lugo por D. Rodrigo Rúa Iglesias, cóengo da catedral, quen comezou felicitando no seu Día a todos os músicos, especialmente ao Orfeón Lucense, por contribuír habitualmente cos seus cantos a realzar a beleza e solemnidade das cerimonias relixiosas que se celebran nesta sé; felicitación que agradeceu o noso director en nome de todo o colectivo.
O Orfeón, dirixido polo seu titular, Baruk Domínguez e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez, interpretou o seguinte repertorio:
- Ven, Señor, ás nosas almas. Luís Olano Arias.
- Misa de Lécot. Kyrie, Gloria, Sanctus, Agnus Dei. Jean Paul Lécot.
- Aleluia. Isauro García Ramos.
- Ave verum. Jean Paul Lécot.
- O pan do ceo. X. Portas Ferro / I. García Ramos.
- Anima Christi. Marco Frisina.
- Canticorum Iubilo. G. F. Haendel.
Como adianto á celebración de hoxe, na páxina web da Diócese de Lugo publicouse en días pasados un anuncio asinado por María José Campo no que se menciona a nosa coral en relación con esta actuación, publicación que agradecemos e enlazamos aquí.
Nas imaxes:
- Santa Icía. Pintura ao óleo. Guido Reni. Norton Simon Museum. (Pasadena. EE.UU).
- Santa Icía na sillería baixa do coro da Catedral de Lugo, obra de Francisco Moure (S. XVII).


Ningún comentario:
Publicar un comentario