mércores, 18 de xaneiro de 2023

"Xesús Mato. 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos"

  Baixo a coordinación de Antonio Giz e Xulio Xiz, Brandán Comunicación S. L. publica Xesús Mato. 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos, un libro que recolle as lembranzas máis queridas e entrañables de persoas que acompañaron de preto a Xesús Mato na súa traxectoria vital.

   Non é abondo a extensión deste post para glosar os 90 anos deste crego, grande de corazón, xeneroso e todo bondade que deixou a súa pegada de luz e bonhomía  por todos e cada un dos lugares que tiveron a sorte de desfrutar da súa presenza.
   
  Un tras outro van facendo as súas aportacións Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia; Xesús Mato, alcalde de Paradela; Eloy Rodríguez, exalcalde de Portomarín; Ángel Fernández López, Fillo predilecto de Paradela; Arximiro López Rivas, compañeiro; Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística; José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín; Alfonso Blanco Torrado, Presidente de Xermolos e da Irmandade Manuel María da Terra Chá; Xosé Luís Rivas Cruz, Mini; Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero; Santiago Rodríguez López, profesor da Universidade de Bristol e fillo do escritor e Fillo Predilecto de Paradela Manuel Rodríguez López; Marisol Bravos López, expresidenta de Auxilia; Rosa Tourón, artesá cesteira; Isidoro Rodríguez Pérez; Marcos M. Fernández Mosquera, director do Orfeón Lucense; Manuel Lombao Lombao, xornalista; Xulio Xiz, vello compañeiro; Antonio Giz, director de Galicia Digital e Carlos Rodríguez Otero, músico e musicólogo. 

  Todos eles van desgranando méritos, feitos relevantes ou anécdotas e curiosidades ilustradas con múltiples imaxes que xa forman parte da cultura, da historia de Galicia e da memoria dos que xa temos algúns anos.

  O Orfeón Lucense, que se precia de haber tido a D. Xesús como director nun momento crucial para a súa continuidade, non podía faltar á presentación do libro Xesús Mato. 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos na Biblioteca Nodal de Lugo.

  Trala apertura do acto a cargo da Directora da Biblioteca, María Isabel Pérez Fórneas, interviron neste orde Xulio Xiz, Ángel López Rodríguez, Marcos Fernández Mosquera, Marisol Bravos López, Isidoro Rodríguez López, Valentín García Gómez e Xesús Mato; quen, visiblemente emocionado, agradeceu a todos  a participación nesta homenaxe ao tempo que restaba importancia ao traballo realizado por el mesmo.

   Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, rematou cun relato da historia de Fuxan os Ventos desde as súas orixes que emocionou a todos os presentes, para finalizar entoou a capela un fragmento da canción Fuxan os Ventos, harmonizada por Xesús Mato e coa que o grupo musical gañou o certame de As San Lucas en 1972.

   Ao longo de todo o acto fóronse engadindo con cada participación múltiples pinceladas de humor e simpatía, tan propias do protagonista do libro, que o fixeron divertido e, por descontado, emotivo.

  Só pedimos moita saúde e felicidade para este home bo e grande polos seus feitos e que siga guiándonos coa súa luz.

   A continuación inserimos imaxes da homenaxe:







  



Foto tomada de Xosé Luís Rivas Cruz, Mini

Foto tomada do Facebook 
de Xosé Luís Rivas Cruz, Mini.

Ningún comentario:

Publicar un comentario