venres, 13 de outubro de 2023

Misa en Latín 2023

   Organizada polos antigos alumnos da Escola de Artes e Oficios Artísticos Ramón Falcón acostuma a celebrarse o día 12 de outubro unha Misa en Latín na catedral  como preludio da Feira Medieval e outras actividades organizadas por este colectivo neste último día das festas do patrón.

  A misa foi celebrada no altar do Bo Xesús por D. Manuel Castro Gay, coengo desta Catedral, asistido por membros do colectivo mencionado máis arriba e contou coa asistencia de numerosos fieis, entre os que se encontraba un certo número de damas e cabaleiros vestidos con atuendos medievais que contribuiron a situarnos na época.

  As diferentes partes da misa foron pronunciadas en Latín, tal como acostumaba a ser antes de 1965, ano no que o papa Pablo VI dixo a primeira misa en italiano, lingua á que se foron engadindo todas as demais. 

 O Orfeón Lucense situouse excepcionalmente na nave dereita da sé, e o  repertorio interpretado nesta ocasión especial baixo a dirección habitual de Marcos Fernández Mosquera  foi o seguinte.

   - Adoramuste, Christe. Th. Dubois.

   - Kyrie. Misa de Angelis. Gregoriano.

   - Alleluia. Gregoriano.

   - O salutaris hostia. P. de la Rue

   - Sanctus. Misa de Angelis. Gregoriano.

   - Agnus Dei. Gregoriano.

   - Da que Deus mamou. Cantiga 77. Afonso X O Sabio.

   - Canticorum Iubilo. G. F. Haendel.


   Na imaxe, momentos previos ao inicio da Misa.


                                     

venres, 6 de outubro de 2023

Misa de San Froilán 2023

   Puntuais á cita anual coa celebración do patrón de Lugo acudimos á Catedral de Santa María para cantar unha misa solemne.

 Estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, foi concelebrada por diferentes membros do cabildo catedralicio e contou coa asistencia da Corporación Municipal encabezada por Dona Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, e asimesmo coa presenza doutras autoridades.

  Na parte musical estivo o Orfeón Lucense, dirixido por D. Marcos Fernández Mosquera, acompañado ao órgano polo coengo Prefecto de Música da Catedral, D. Luís Varela Castiñeira.

   A continuación especifícase o repertorio interpretado:

   - Procesional de entrada. J. Molejón.

   - Señor ten piedade. Misa Galega. J. Castiñeira.

   - Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.

   - Amósame, Señor. Salmo.

   - Aleluya. X. R. Estévez.

   - Eiquí están, Señor. L. Sánchez.

   - Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.

   - Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira

   - Eucaristía. Taizé / Fdez. León.

   - Non vou só. I. García Ramos.

   - Himno a San Froilán. J. Molejón.

   Máis abaixo, un momento da celebración do Día do Patrón tomada da web de La Voz de Galicia na que se pode apreciar a numerosa concurrencia, a Corporación Municipal e o Orfeón Lucense no Coro da Catedral.









   

   

   

domingo, 24 de setembro de 2023

Concerto en Burela

  A primeira actuación deste curso foi na Casa da Cultura de Burela por invitación da Coral Polifónica de dita localidade que retomaba a actividade co seu I Concerto de Outono despois dun tempo de pausa.

 Compartimos escea coa agrupación anfitriona e a Rondalla Estrelecer de Fene, dirixidas por Lucía Expósito Martínez e Javier Amado, respectivamente.

  En primeiro lugar a Rondalla Estrelecer interpretou as seguintes composicións:

   - Canción del mar. Adap. Javier Amado Fdez.
   - India. Adap. Javier Amado Fdez.
   - El mar. Adap. Javier Amado Fdez.
   - Río de Camalotes. Versión Javier Amado Fdez.
   - O vira vira. Fuxan os Ventos.

   A continuación o Orfeón, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, interpretou o seu repertorio:

   - Gabriel's oboe. E. Morricone. Arr. P. Rowlands.
   - Ó rama. Popular portuguesa. Arr. A. Martins.
   - Bullerengue. Ritmo colombiano. Arr. J. A. Rincón.
   - La flor. E. Martínez Torner.
   - Cando vexas. Popular galega. Arr. J. Castiñeira.

   Cerrou o turno de actuacións a Coral Polifónica de Burela que ofreceu aos asistentes estas  pezas:

   - Senhora do Almurtao. Trad. de Portugal. Harm. Julio Domínguez.
   - Guantanamera. Joseíto Fernández. Arr. Electo Silva.
   - Siyahamba. Canción zulú.
   - Quen puidera namorala. Letra: A. Cunqueiro. Música: E. Batallán.

  Hai que destacar que neste concerto facían o seu debut catro compoñentes do noso coro: Ricardo Coria Abel, María Paz Gómez Cabanas, Rosa Souto Saá e Trinidad  Vázquez Luaces; todos eles coa ilusión natural da súa primeira vez.

  Despois das actuacións as tres corais compartimos un ágape de confraternidade que rematou con cantos compartidos e afectuosas mostras de agradecemento e despedida.

  Nas imaxes, un momento do noso concerto na Casa da Cultura de Burela.








   
   

   

sábado, 9 de setembro de 2023

Preparando a volta

   Despois dun breve descanso estival, coa chegada da luz de setembro o Orfeón Lucense volta á actividade normal de ensaios e actuacións con entusiasmo e novos ánimos.

   Para unha primeira toma de contacto reunímonos no local da agrupación e, tras os saúdos propios da situación, comezamos a preparar o primeiro concerto ao que fomos invitados pola Coral Polifónica de Burela baixo a dirección habitual de Marcos Fernández Mosquera.

   Nas imaxes, momentos da actividade.

    



domingo, 20 de agosto de 2023

Misa da Nosa Señora

   O 15 de agosto celebramos a festividade da Virxe dos Ollos Grandes, padroa de Lugo, cantando unha misa na súa honra na Catedral.

   A misa estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco. Actuou como organista D. Luís Varela Castiñeira, Prefecto de Música da sé, coa aportación das harmonías vocais do Orfeón, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, interpretando o repertorio que se detalla a continuación:

   -Himno a la Virgen de los Ojos Grandes. J. Ortiz Peña. Arr. J. Molejón.

   - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.

   - De pie a tu derecha. Salmo. L Elizalde.

   - Aleluya. I. García Ramos.

   - Ave María. T. L. de Victoria.

   - Santo. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Hija de Sión. L. Deiss.

   - Ave Verum. J. P. Lécot.

   - Salve Regina. Gregoriano.

   Concluída a cerimonia, os asistentes, celebrantes e Orfeón desprazámonos ao camarín da Virxe dos Ollos Grandes, obra de Casas Novoa, onde o concelleiro de transición ecolóxica e impulso rural, Miguel Fernández, fixo unha ofrenda floral en nome da Corporación Municipal.

   Finalmente, o Orfeón Lucense interpretou a Cantiga nº 77 de Afonso X O Sabio, titulada Da que Deus mamou, na que se narra o milagre da curación dunha muller tolleita acontecido en Lugo e atribuído á Virxe.

   Na imaxe, un momento da ofrenda floral.



                                    Tomada de Facebook. Catedral. 15/08/2023





   

martes, 18 de xullo de 2023

Misa da Virxe do Carme

    Fomos invitados a cantar un ano máis a Misa da Virxe do Carme. Por obras de restauración na capela do seu nome, a celebración levouse a cabo na Igrexa de San Pedro. 

   A liturxia estivo presidida por D. Alfonso Carrasco Rouco, prelado da diócese, e nela o Orfeón Lucense interpretou o repertorio seguinte:

   - Hija del pueblo. Música: Alberto Taulé. Letra: Ángeles R. Fontela.

   - Kyrie. Misa de Lourdes. J.P.Lécot.

   - Gloria. Misa de Lourdes. J.P.Lécot.

   - Alleluia dit irlandes. J.P.Lécot.

   - Ave Verum. J. P. Lécot.

   - Sanctus. Misa de Lourdes. J.P. Lécot.

   - Ave María. T. L. de Victoria.

   - Himno a la Virgen del Carmen. M. Letamendia. 


Igrexa de S. Pedro



   

domingo, 9 de xullo de 2023

V Noite Coral Lucense

  Comezou este ano o circuito de concertos na noite lucense coa actuación do Orfeón na Igrexa de San Pedro, dirixido oor Marcos Fernández Mosquera, acompañado á viola por Nuria Fernández Álvarez e ao órgano por Luís Varela Castiñeira interpretando o seguinte repertorio:

- O salutaris. P. de la Rue.
- Giesù sommo conforto. Anónimo.
- Vero Amor e Gesù. Anónimo.
- Ecce novum gaudium. Anónimo.
- Qui presso a te. W. A. Mozart (atr.)
- Requiem. G. Puccini.
- Reina del cielo. J. Castiñeira.

  A continuación actuou o Grupo Vocal Sólo Voces na igrexa de San Froilán, seguido de Son de Corda na igrexa de Santiago A Nova e do Gruppo Vocale San Bernardo nos Franciscanos.

 Finalmente todos os coros reunidos no altar do Bo Xesús da Catedral, interpretamos a Missa Brevis nº 7 de J. Haydn, dirixidos por Fernando Gómez Jácome e acompañados polo Concentus Instrumentalis Lucensis, actuando como solista no Benedictus Esperanza Iglesias Méndez.

  Esta iniciativa da Diócese de Lugo e do Lucense Eucharisticum Centrum sempre resulta gratificante para todos os participantes, músicos e ouvintes, tanto pola música, sempre selecta, como polo marco no que é interpretada,  os templos do casco histórico lucense, fermosos en si mesmos. A todo iso hai que engadir a beleza dunha noite de verán, noites que na actualidade son cada vez máis benignas.

  A continuación enlazamos o audio do Requiem de Puccini interpretado no noso concerto.


sábado, 1 de xullo de 2023

Preparando a V Noite Coral

  Faltan moi poucos días para que voces procedentes de lugares ben distantes no mapa poidamos encher de son a noite lucense. 

 O Gruppo Vocale San Bernardo, Sólo Voces, Son de corda e o Orfeón Lucense levamos un tempo preparando cadanseu recital individual e un concerto final conxunto na Catedral, acompañados polo Concentus Instrumentalis Lucensis, co que obsequiaremos a todo aquel que queira desfrutar de boa música coral. Merece a pena!!!

  Eis a imaxe do cartel. Picando nela accédese ao programa.






luns, 19 de xuño de 2023

Misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia 2023

  Os antecedentes deste emotivo acto son os seguintes:

  En 1618 o cabildo catedralicio pediu ao rei Filipe III axuda para dar maior énfase á adoración ao Santísimo. No 1666 a proposta do coengo maxistral, Juan Velo, pídese á Xunta do Reino de Galicia unha aportación económica con este mesmo fin e no 1668 faise esta mesma petición ás sete cidades do Antigo Reino, A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Betanzos e Tui.

  No 1669 a Xunta do Antigo Reino fixa unha asignación suficiente para o gasto de catro velas que alumasen dia e noite e acorda que se celebre unha misa con procesión "pola exaltación da fe, saúde das Súas Maxestades e bos feitos e prosperidade do Reino".

  A ofrenda tal como a coñecemos hoxe comeza en 1925. Un alcalde, por turno rotatorio, fai de oferente e, normalmente, respóndelle o bispo da súa diócese. Materialmente, na actualidade o tributo consiste nunha aportación monetaria simbólica. Antes do acto en si tén lugar unha recepción das autoridades no concello e o traslado das mesmas a pé desde alí á catedral.

  Este ano, como de costume, iniciouse a cerimonia coa interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia a cargo de Luis Varela Castiñeira ao órgano e Óscar Pérez á gaita, aos acordes do cal entraron as autoridades na seo. A misa foi oficiada polo bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos Montanet, quen recibiu a ofrenda do alcalde da mesma cidade, Gonzalo Pérez Jácome.

  O Orfeón estivo oresente aportando a parte musical co seguinte repertorio:

  - Aledémonos. J. Castiñeira.
  - Señor ten piedade. Misa galega. J. Castiñeira.
  - Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.
  - Amósame, Señor. Salmo.
  - Aleluia dos irlandeses. J. P. Lécot.
  - Velaquí, Señor, o viño. F. Diéguez.
  - Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.
  - Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira.
  - Eucaristía. Taizé / Fdez León.
  - Anima Christi. M. Frisina.
  - O pan do ceo. X. Portas Ferro / i. García Ramos.
  - Cantemos al Amor. J. I. B de Sagastizábal.% 
  - Pange lingua. Gregoriano.
  - Alabado sea el Santísimo. Tradicional.

  A continuación unha imaxe do acto.






luns, 12 de xuño de 2023

Misa de Corpus Christi 2023

 A Praza de Sta. María un ano máis engalanouse para a celebración do Corpus Christi. Desde ben cedo dispúxose un altar rodeado de flores, distintivos eucarísticos nos balcóns do Pazo Episcopal e moreas de sillas brancas que acollerían os numerosos fieis congregados alí máis tarde.

  A celebración estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado de distintos membros do cabildo e coa presenza das autoridades locais.

 A climatoloxía benigna favoreceu a brillantez do acto, á que contribuiu a actuación da Banda Filarmónica, dirixida por Iván Martínez Sabio; o Coro do Hospital de Lugo, dirixido por Fernando Gómez Jácome; o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera e o acompañamento de órgano por Xavier de Acosta.

  O repertorio interpretado foi o seguinte:

- O pan do ceo. X. Portas Ferro / I. G. Ramos.

- Señor ten piedad. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Gloria. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Glorifica al Señor. Salmo.

- Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.

- Santo. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Cordero de Dios. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Pescador de hombres. C. Gabarain / B. Corona.

- Pange lingua. Gregoriano.

- Ave Verum. W. A. Mozart.

- Alabado sea el Santísimo. Tradicional.

- Tantum ergo. Gregoriano.

- Cantemos al Amor. J. I. B. de Sagastizábal.

 Desfrutamos ademais da presenza do grupo tradicional Os Xílgaros que actuaron durante a procesión que tivo lugar polas rúas do casco histórico, como é costume.

 Á recollida da procesión, que fora iniciada cun potente repique de campás, entoáronse os últimos cantos e rezos e pouco a pouco a praza foi volvendo ao seu ritmo habitual.

  Na imaxe un momento previo á celebración.

   






xoves, 18 de maio de 2023

Letras Galegas 2023

  Un ano máis os coros de Lugo festexamos o Día das Letras Galegas, nesta ocasión adicado a Francisco Fernández del Riego, animando cos nosos cantos as rúas da cidade. Cada agrupación ocupou un lugar dentro do recinto histórico e á hora convida deu un pequeno concerto de dúas pezas con letra dun autor xa homenaxeado en tal día.

 O Orfeón interpretou dúas pezas de Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez, respectivamente, ambas harmonizadas para coro por Xosé Alfredo Oliveira:
   
   - Soia.
   - A nena na fonte

 Rematadas estas actuacións, Coral Ecos do Miño Astelu, Orfeón Xoán Montes, Schola Gregoriana Lucensis, Coral Xolda Polifónica, Sólo Voces, Conjunto Vocal Lugh, Cantar Delas, Coral do Hospital de Lugo, Coral Amigos do Camiño e Orfeón Lucense reuníronse nas escaleiras do fondo da Praza Maior para entonar xuntos a Negra Sombra e o Himno Galego e así dar remate a este emotivo acto.

  Na imaxe, o programa desta edición.







domingo, 14 de maio de 2023

Ata sempre, César

  Vimos de enterarnos do pasamento do noso compañeiro César. Hai persoas con tal carisma que semella sempre nos acompañarán, pero o devir da vida devólvenos á realidade, e iso é o que estamos a vivir neste momento.

  César José Gómez formou parte da familia do Orfeón durante máis de corenta anos e foi un dos promotores do Coro Parroquial de San Francisco Xavier. A súa paixón pola música queda fóra de toda dúbida, tanto nos momentos oficiais como nos de lecer, nos que adoitaba arrancar a súa serie de cancións favoritas, entre as que estaba Don Facundo; cancións ás que nos sumábamos gustosos.

  Filósofo, home de leis e de fe, líder natural, gran conversador, intelixente, sabio, dotado dunha simpatía espontánea; pero sobre todo, unha persoa chea dunha gran bondade que espallaba en calquera sitio que estivera, facendo gala dun humor limpo e chispeante.

  Na seguridade de que el nos estaría acompañando, dirixidos por Marcos Fernández Mosquera, cantamos unha misa este domingo en San Francisco Xavier na que puxemos todo o noso sentimento. Este foi o repertorio:

   -  Más cerca, oh Dios. L. Mason.

   - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.

   - Deus do universo. L. Olano.

   - Santo. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina.

   - Anima Christi. M. Frisina. 


 O seu baixo profundo estará formando parte do mellor coro alí onde estea e  quedará para sempre resoando nos nosos ouvidos. Ata sempre César.

  A continuación inserimos as palabras que o noso Presidente, Xulio Xiz, escribiu para César, ás que nos sumamos, que foron lidas  ao final do acto pola nosa compañeira Ángeles Rodríguez Fontela, por ausencia do seu autor.


Lembrando a César José Gómez Fernández, 14.05.2023
Uns días despois do seu pasamento, os que con el vivimos cantando, temos que decirlle “ata sempre” a César, lembrando os momentos felices que pasamos á súa beira, cantando e falando, razonando, filosofando… porque César era falador, razonador, filósofo… e cantor.
Estamos aquí hoxe dous colectivos dos que que César formou parte; dous colectivos cantores que César levou sempre na alma e no corazón: os amigos do coro San Francisco Javier (el foi un dos promotores deste coro), e os membros do Orfeón Lucense, coro da Catedral de Lugo. Todos os membros doas dous coros sabémonos, somos, irmáns de César, o noso especial compañeiro e amigo.
Nas dúas agrupacións, era o máis veterano. Xa por iso, por experiencia, correspondíalle ser o máis sabio… Pero era o máis sabio, non só por antigüidade, senón por intelixencia, esforzo, tesón… e por fe. 
Dereito e filosofía foron os marcos intelectuais nos que se foi encadrando o seu pensamento e a súa vida. A súa especial intelixencia, unida a unha forza de vontade sen límites, logrou a especial sabiduría existencial da que todos fomos partícipes e beneficiarios.
No Orfeón Lucense foi un especial referente e formaba parte do grupo dos “históricos” que participaron con D José Castiñeira en 1982 na refundación do mítico “Orfeón” que fundara Xoan Montes, e así recibiu homenaxe en 2007 polo cuarto de século cantando na nosa Agrupación.
Esta misa e estes cantos lembran e renden homenaxe ao noso César, que agora seguro nos está a contemplar con agarimo en compañía de Mercedes Álvarez, Julia Iglesias, Enrique Aguiar, Eugenio Corral, Manuel Jacob, José Ángel Núñez e Luís Vázquez, compañeiros que temos xa no alén, animándonos e inspirándonos.
No nome das agrupacións musicais nas que César vivíu a música, queremos agradecer á súa familia telo compartido connosco tan longo e  fructífero tempo, e desexarlles a Rosa, a súa viuva, e aos seus fillos César, Maripaz e Rosa, e a toda a súa familia, que a dor da ausencia quede mitigada polo agarimo que César ten colleitado entre nós, na seguridade de que César tería un “Sursum corda”, “Arriba os corazóns!”, especial para eles, e para todos nós, para animarnos a seguir cos nosos cantos que el sabía moi ben que ao fin resulta ser unha especial oración.
Descanse en paz o amigo-irmán César José Gómez Fernández e que, nesa nova vida, sexa alomenos tan feliz como foi entre nós, e nos fixo ser a todos os que con el vivimos.











  

luns, 1 de maio de 2023

Misa na Catedral de Astorga

  Chegou o día esperado. Tras unha moi agradable viaxe propiciada por Marcial, un condutor sereo e eficaz, pisamos Astorga nunha mañá soleada e coa temperatura xusta para estar cómodos. 

  Esperábanos a Catedral ateigada de visitantes e fieis, igual que a cidade, que bulía especialmente con motivo dunhas xornadas gastronómicas que estaban tendo lugar alí.

  Admiramos o fermoso templo de estilo gótico tardío, barroco e renacentista; con numerosas vidreiras, abundante imaxinería e unha disposición do coro e do órgano un tanto chocantes para nós, tanto polo seu acceso, moi angosto, como pola súa colocación: enfrontados ambos entre si e situados perpendicularmente aos oíntes e ao altar. Disposición que non impediu aos fieis apreciar e valorar a sonoridade dos nosos cantos.

  Tras un ensaio xeral coa organista, comezou a misa presidida por D. Jesús Fernández González, prelado da diócese, na que o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, interpretou o seguinte repertorio:
 
  - Hoy proclamamos. L. Burgeoise.
  - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  - Gloria. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  - Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.
  - O salutaris. L. Perosi.
  - Santo. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  - Anima Christi. M. Frisina.
  - Reina del Cielo. J. Castiñeira.

  Ao remate da celebración esperábannos o prelado e o salmista da Catedral para agradecernos a visita e felicitarnos pola actuación, así como para ofrecernos a posibilidade de volver cando o desexemos.

  De seguido, unha pequena parada para visitar a cidade e un xantar de confraternidade en Castrillo de los Polvazares puxeron fin a unha xornada que nos permitiu gozar da beleza de Astorga e a súa contorna e, ao mesmo tempo, convivir doutra maneira entre nós. Un especial agradecemento á nosa compañeira Remedios Martínez Rodil pola perfecta organización e loxística nesta viaxe.

  Na imaxe o Orfeón diante da Catedral de Astorga.








  

luns, 10 de abril de 2023

Misa de Pascua de Resurrección 2023

  Finaliza a Semana Santa coa celebración do Domingo de Pascua de Resurrección. Para o Orfeón remata un tempo no que a colaboración nos oficios da Catedral é especialmente intensa e importante.
  
  O repertorio entonado pola nosa agrupación nesta misa; presidida polo prelado da diócese, co acompañamento ao órgano de D. Luís Varela Castiñeira e a dirección coral de Marcos Fernández Mosquera, foi o seguinte:
  
 - Gloria. Misa Pascual. J. Castiñeira.
 - Este es el día en que actuó el Señor. Salmo.
 - Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.
 - O salutaris. L. Perosi.
 - Yo soy el pan de vida. Z. Toole.
 - Ave verum. J. P. Lécot.
 - Reina del cielo. J. Castiñeira.





  

domingo, 9 de abril de 2023

Vixilia Pascual 2023

  O lume no adro da Catedral poñía unha nota cálida na noite bonancible da nosa cidade cando o prelado fixo a súa beizón xunto coa da auga. A ese momento seguíronlle as tebras e, por fin, fíxose a luz e vimos a sé chea de fieis.

  Así comezaba a Vixilia Pascual que estivo presidida por D. Alfonso Carrasco Rouco e concelebrada  por varios coengos. Nela o Orfeón, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, interpretou o seguinte repertorio:

  - Gloria. Misa de Lourdes. J. P. Lécot.

  - Aleluya. I. García Ramos.

  - Cristo resucitado. 

  - Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina.

  - Santo. Misa de Angelis. Gregoriano.

  - Agnus Dei. Misa de Angelis.Gregoriano.

  - Cristo ayer, Cristo hoy. J. P. Lécot.

  - Cantico dell' Agnello. M. Frisina.


  Unha vez rematados os oficios, todos os asistentes fomos obsequiados na sacristía cun ágape para celebrar a Pascua de Resurrección.


                                     Un momento previo á beizón do lume  

sábado, 8 de abril de 2023

Xoves Santo 2023

  Á hora convida deron comezo os oficios do Xoves Santo na Catedral de Sta. María presididos polo prelado D. Alfonso Carrasco Rouco.

  O Orfeón Lucense, dirixido polo seu titular Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Xavier de Acosta, interpretou o seguinte repertorio ante a numerosa concurrencia que enchía a sé:

  - Gloria y honor a ti, Señor. J. P. Lécot.
  - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  - Gloria. Misa Alredor de tu mesa. F. Palazón.
  - El cáliz que bendecimos. Salmo.
  - Interleccional. J. Castiñeira.
  - Jesús, el Señor. J. Castiñeira.
  - Un mandamiento nuevo. A. Alcalde.
  - Sanctus. T. Aragües.
  - Agnus Dei. A. Taulé.
  - C'est toi, Seigneur. J. P. Lécot.
  - Ave Verum Corpus. W. A. Mozart.
  - Pange lingua. Gregoriano.
  - Alabado sea el Santísimo. Himno eucarístico.

   Finalmente fixo a súa saída a procesión da Santa Cea polas rúas da capital, momento que recollemos na seguinte imaxe.



                                      Tomada de Luis Perelu en Facebook

Venres Santo 2023

 A celebración deste Venres Santo estivo presidida polo prelado da diócese, Monseñor Carrasco Rouco, e concelebrada por varios coengos do cabildo catedralicio.

 Como é habitual o Orfeón, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, estivo presente tomando parte importante nos oficios de maneira moi especial, pois neste día representa o papel do pobo na lectura da Pasión de Cristo según San Juan que compuxo o noso refundador, D. Xosé Castiñeira Pardo. Este ano ademais, por falta de tenores no papel do Sanedrín, as compoñentes femininas da nosa coral asumiron este personaxe de maneira puntual.

 Sempre que se fai a lectura desta Pasión os membros do coro valoramos a capacidade de D. Xosé Castiñeira, como bo mestre, para facilitar o complicado e para facer entender ao pobo este feito histórico dunha maneira didáctica e intuitiva.

 O repertorio completo foi o seguinte:

   - Padre, a tus manos. Salmo.
   - Christus factus est. M. Villanueva.
   - Pasión según S. Juan. X. Castiñeira.
   - Mirad el árbol de la Cruz.
   - Victoria, tú reinarás. A. Losay e D. Julien.
   - Crux fidelis. Gregoriano.
   - Pueblo mío. R. Cantalapiedra.
   - Cristo al morir tendea. F. M. A. da San Germano.

  Finalizados os oficios saiu a procesión do Santo Enterro, da que adxuntamos unha imaxe.



                                       Tomada de Luís Perelu en Facebook
   
   
   

  

  

  

luns, 3 de abril de 2023

Misa de Domingo de Ramos 2023

  Nunha mañá luminosa e despois dos exercicios previos no claustro da Catedral, o Orfeón Lucense comeza o camiño cara ao coro para situarse e esperar o inicio da solemnidade de Ramos.

  Despois da beizón dos ramos na Praza de Santa María tivo lugar a misa presidida por D. Alfonso Carrasco Rouco na que a nosa agrupación actuou dirixida por Marcos Fernández Mosquera e acompañada ao órgano por Xavier de Acosta. O repertorio interpretado foi o seguinte:

   - Dios mío, Dios mío. Salmo.

   - Cristo por nosotros. F. Palazón.

   - Pueri haebraeorum. T. L. De Vitoria.

   - Santo. Misa Solemne. J. Castiñeira.

   - Cordero de Dios. Misa Solemne. J. Castiñeira.

   - Eucaristía. Taizé e A. Fdez León.

   - Anima Christi. M. Frisina.





                       Foto tomada de El Progreso 3/04/2023. Edición digital.

xoves, 30 de marzo de 2023

Pregón da Semana Santa 2023

  Comeza a Semana Santa Lucense co Pregón no Círculo das Artes, este ano pronunciado por Miguel Ángel González Arias, Xeneral de Brigada e Xefe de Zona da Garda Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

   O Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera  e acompañado ao órgano por Nacho Samena, tivo a honra de aportar a parte musical que iniciou o solemne acto interpretando un selecto repertorio de música relixiosa propio do momento que vivimos:

    - Pueri haebraeorum. Tomás Luis de Victoria.

    - Christus factus est. Martín de Villanueva. 

    - Cristo al morir tendea. Fra Marc Antoni da San Germano.

    - Stabat Mater. Zoltan Kodaly.

    - Ave Verum. Jean Paul Lécot.

    - Anima Christi. Marco Frisina.


Na imaxe unha instantánea previa a este concerto.






mércores, 29 de marzo de 2023

Semana Santa 2023

   Co Pregón no Círculo das Artes a cargo de D. Miguel Ángel González Arias, Xeneral de Brigada e Xefe de Zona da Garda Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, dá comezo a Semana Santa 2023 en Lugo, declarada de Interés Turístico Galego

  O Orfeón Lucense aportará a parte musical nos días máis senlleiros da Semana: Pregón, Domingo de Ramos, Xoves Santo, Venres Santo, Sábado Santo e Domingo de Resurrección.




       

domingo, 5 de marzo de 2023

Ata sempre, Julia

   Poucos días pasaron desde que despedimos ao noso compañeiro Armando e agora tocou acompañar a Julia na súa última viaxe.

  Julia Iglesias Arias foi unha contralto do Orfeón durante máis de 25 anos, tempo no que asistiu con regularidade e puntualidade aos ensaios e actuacións, coa entrega e o entusiasmo propios de quen realiza unha actividade artística voluntariamente e por afección ata o punto de ser unha prioridade na súa vida.

 No ano 2007 recibiu, xunto con outros coristas coetáneos, unha placa conmemorativa con motivo da adicación e a entrega ao Orfeón durante un cuarto de século, mérito ao que ela sempre aludía con orgullo e afecto. 

  Sempre lembraremos a Julia como persoa de bo carácter, sorrinte, amable, boa compañeira e namorada da música. Por iso acompañamos á súa familia na igrexa parroquial da Milagrosa para adicarlle algunhas das pezas que ela tantas veces cantou con nós e que, seguro, entonará alí onde estea:

   - Hacia ti, Morada Santa. Kiko Argüello.

   - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Interleccional. J. Castiñeira.

   - O salutaris, Hostia. L. Perosi.

   - Zum Sanctus. F. Schubert.

   - Cordero de Dios. A. Taulé.

   - Pescador de hombres. B. Corona.

   - Más cerca, oh Dios. L. Mason.

   Unha vez finalizada a cerimonia relixiosa, o presidente do Orfeón Lucense, Xulio Xiz, adicoulle unhas agarimosas palabras no nome de toda a agrupación, que reproducimos a continuación.

    Ata sempre, Julia!


Funeral de Julia Iglesias Arias, do Orfeón. 4.03.2023

O Orfeón Lucense, Coro da Catedral de Lugo, dirixido polo seu titular Marco M. Fernández Mosquera está cantando por Julia co mesmo sentimento que Julia cantou para nós, connosco, para vós; para todos os que expresamos sentimentos que só sabemos transmitir cantando.

Julia, contralto, foi unha das nosas voces máis veteranas e entrañables. O paso do tempo vai incorporando voces novas a unha labor cantora común, e ese mesmo tempo, a veteranía que se traduce en experiencia e  saber, que proporciona sutilezas e recursos cando a potencia se aminora, é a época dourada na que quen canta disfruta máis do saber facer; da inmorrente paixón por cantar.

Cando en 2007 celebramos os primeiros 25 anos da refundación do Orfeón Lucense por don José Castiñeira Pardo, entregamos cadansúa placa de homenaxe aos cantores que durante eses vintecinco anos formaron parte do Orfeón; formaron parte de nós. Falando onte con Eduardo e José Antonio os fillos de Julia e Antonio, lembramos aquel acto fermoso no que Julia e outros varios compañeiros e compañeiras recibían aquel merecido recoñecemento polo entusiasmo, o traballo, a perseverancia ao servizo da catedral, de Lugo, da música, e deste Orfeón que agora cumpre 42 anos nesta etapa, e 143 desde que no século XIX o fundara Xoán Montes.

Nos primeiros 25 anos desta nova etapa, vividos connosco por Julia, sabemos que tivemos máis de mil actuacións públicas nas que que ela interviu na inmensa maioría, sendo imposible levar a conta de ensaios e ilusións; de actuacións e sacrificios; de satisfaccións e de entrega, porque para formar parte dunha agrupación coral tanto tempo e tan intensamente, requírese un gran esforzo e entrega, capacidades e estudio; unha dedicación abnegada… pero tamén comprensión e axuda nas familias, colaboración e sacrificio por saber que este oficio de cantar non só depende da voz, da saúde, do coñecemento e da técnica… Como en todo nesta vida, require agarimo e sintonía; amor, en fin, por parte de todas as nosas unidades familiares.

Hoxe, aquí, pois, cantamos a Julia, por Julia, agradecéndolle  todo o traballo, o agarimo e a ledicia que trouxo o Orfeón… e cantámoslle á súa familia aquí presente, a Antonio que hai tempo nos deixou, para darlles as grazas por haber compartido connosco ptanto tempo, tan intensamente, un anaco tan importante da vida de Julia.

E imos rematar cun canto  de Lowell Mason que Julia, sen dúbida cantará connosco no alén, mirando a Deus cara a cara: “·Mais preto de ti, Señor”.






domingo, 26 de febreiro de 2023

Ata sempre, Armando

  Había un tempo xa que Armando Polo Rivas nos deixara por vontade propia, porque os compromisos do Orfeón excedían o tempo que el lles podía adicar. Sabíamos da súa incorporación ao Coro Parroquial de San Francisco Javier, tamén dirixido por Marcos Fernández Mosquera, e que nas últimas semanas a súa saúde se vira mermada repentinamente. 

 Lembramos a Armando coa súa bonhomía, o seu bo carácter e o seu sorriso permanente, con bo humor e sempre bo compañeiro, como un tenor entusiasta e responsable, cheo de vitalidade e para quen o Orfeón era unha prioridade. Por iso se nos fixo difícil asimilar a nova do seu pasamento.

 Hoxe cantamos na igrexa da Milagrosa a misa do seu funeral, téndoo presente en todo momento e adicándolle todos e cada un dos cantos como se estivera entre nós, como se se tratase dunha actuación máis, estando el entre nós.

  Para el cantamos este repertorio:

   - Ven, Señor, ás nosas almas. L. de Olano.
   - Misericordia, Señor, hemos pecado. Salmo.
   - Interleccional. J. Castiñeira.
   - Deus do universo. L. de Olano.
   - Santo. Misa Pascual. J. Castiñeira.
   - Cordero de Dios. A. Taulé.
   - Ave Verum. J. P. Lécot.
   - Pescador de hombres. B. Corona.
   - Más cerca, oh Dios. L. Mason.

   O coro amigo da parroquia de San Francisco Javier, no que Armando cantou nos últimos tempos, interpretou o Señor ten piedad.
  
   Ao finalizar a celebración o presidente da nosa agrupación, Xulio Xiz, adicoulle no nome de toda a familia do Orfeón unhas sentidas palabras que reproducimos de seguido. 

   Ata sempre, Armando!

Falando con Armando Polo Rivas. A Milagrosa, 25.02.2023

As voces que acompañaron esta misa vespertina da igrexa parroquial da Milagrosa en Lugo, son as do Orfeón Lucense, coro da Catedral de Lugo, e - no “Señor, ten piedad”, do Coro San Francisco Javier, dirixidos ámbolos dous por Marcos Manuel Fernández Mosquera.

Tiñamos pendiente vir cantar estas cancións, como un conxunto de oracións, desde o pasado mes de decembro, cando se produciu o pasamento de Armando – Armando Polo Rivas -, compañeiro e amigo de todos os compoñentes dos dous coros.

A misa de funeral por Armando, celebrada nesta igrexa, na súa parroquia, non puido ser cantada por Orfeón e Coro por ser día laborable no que, aínda que bastantes dos nosos membros estiveron presentes, faltábannos voces de compañeiros que, por traballo, non puideron asistir. E propuxémonos, de acordo coa familia e coa parroquia, onde sempre todo son facilidades e amizade, vir cantar unha misa pensando en Armando, diante da súa familia, diante dos feligreses milagrosistas, e diante do Señor que Armando tivo presente en todos os momentos da súa vida.

E viñemos hoxe, cando se cumpren 60 días da súa desaparición física, cantar a misa para todos vós tendo presente a Armando. Non vimos a despedilo, senón que quixemos falar con el no idioma que mellor entendía, porque Armando, que profesionalmente podería definirse como un home de números, era para nós, especialmente, un home da canción e da música e como tal viviu connosco moitas aventuras musicais, moitos soños e moitas realidades, moitos sacrificios e moitos aplausos...moita vida e moita música.

E se Armando falaba galego e castelán á perfección con todos nós, no seu idioma musical – compatible con todos os idiomas verbais – era entendido, sintonizado, escoitado, respondido… por todos os amadores da música que somos a inmensa maioría dos seres humanos.

Armando, connosco, entre nós -nos dous coros, unidos pola música e polo director común - foi feliz entregándose ao canto, sacro ou profano, galego ou latino, tristeiro ou ledo… cunha felicidade fraterna, contaxiosa, que era proba da felicidade que vivía con Dolores, con toda a súa familia nas tres xeneracións que Dolores e el viron nacer no seu fogar, dando permanente exemplo de bonhomía, compañeirismo, entrega, entusiasmo… alegría, en fin; alegría de cantar e de vivir.

      Por iso, non viñemos despedir a Armando, senón falar con el cantando, pechando a conversa decíndolle “Ata sempre Armando, amigo”, cantándovos/cantándolle “Más cerca, oh Dios, de ti” de Lowell Mason.